O candidato do PPdeG reitera que só irá ao cita 'a tres' da TVG, se Touriño e Quintana aceptan en troques que tamén os haxa 'a dous'.
O candidato do PPdeG á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, reiterou este martes que só irá ao debate electoral a tres bandas convocado pola TVG para o día 20 de febreiro se os candidatos do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e do BNG, Anxo Quintana, aceptan en troques encontros bilaterais.
Asegurouno Feijoo en Compostela, logo da presentación do programa co que concorrerá ás eleccións parlamentarias do 1 de marzo. "Xa o dixen", afirmou e explicou que, a día de hoxe, non se dan as condicións para que a súa asistencia ao encontro a tres bandas estea garantida.
Neste escenario, asegurou unha vez máis que os seus adversarios políticos deberían aceptar a súa fórmula: un primeiro debate, Touriño-Quintana; outro segundo, Quintana-Feijoo; e o último, Touriño-Feijoo, que considerou como "a máis democrática" e insistiu en que un auténtico debate é "un cara a cara". "O outro é unha conferencia de prensa", concluíu.
Quintana pide o dereito á réplica
Ao respecto, Quintana convidou o Feijoo, o que acusou de "fomentar a abstención", a "reflexionar". "Acudir aos debates non pode ser froito dun cálculo electoral, é unha cuestión de principios porque os debates son un dereito dos cidadáns e non dos partidos políticos", sinalou nunha conferencia na facultade de Belas Artes de Pontevedra.
"Xa perdeu un debate e terá medo a perder outro, mais trabúcase porque nun debate non perde ninguén, e sempre gaña a democracia", asegurou Quintana, que ademais considerou que Feijoo "está a facer unha campaña lanzando acusacións, calumnias e mentiras respecto á acción de Goberno, e agora tiña a oportunidade de darnos o dereito á réplica que nos nega", manifestou.
Antena 3 TV
Por outra banda, a cadea española de televisión privada Antena 3 TV volveu ofrecer un debate entre Touriño e Feijoo, que exclúe polo tanto o candidato nacionalista. Segundo informaron mediante unha nota, emitiríase en desconexión territorial en horario preferente.