"Antepuxeron o interese de permanecer" no Goberno aos intereses de Galiza, aponlle Feijoo a socialistas e nacionalistas, trasladándolles a responsabilidade no fracaso da reforma estatutaria na lexislatura que agora remata.
Darlle máis benestar aos cidadáns e que se garanta un "financiamento suficiente" para a converxencia de Galiza co resto do Estado. Foron os elementos clave citados polo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto da futura reforma estatutaria. Para conseguir sacar adiante o novo Estatuto, Feijoo considerou que "sería bo" que o texto se aprobase por unanimidade, pero insinuou ao fío que estaría disposta a sacala adiante a través dun pacto co PSdeG. "O BNG non votou nin a Constitución, nin o Estatuto nin os tratados europeos", expuxo, indicando que resultaría "suficiente" o "consenso maioritario".
En canto á reforma das institucións de autogoberno, Feijoo avogou por unha reforma do Regulamento do Parlamento para "dignificar o papel da oposición" así como para recoñecer a iniciativa lexislativa dos concellos. Tamén propuxo a reforma da Administración de Xustiza para lograr un traspaso adicional de medios e conseguir máis xulgados. Neste ámbito, formulou ademais crear un órgano mixto entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia co ánimo de "solucionar os problemas actuais do sistema xudicial".
Por outro lado, expresou o compromiso do seu partido de cara a eliminar o que cualificou de "sectarismo" dos medios públicos. Para iso, prometeu que se gaña os comicios aprobará a reforma da Lei da Compañía Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para que o seu director sexa nomeado polo acordo de polo menos dous terzos do Parlamento, en lugar de polo presidente da Xunta como na actualidade. Previamente, os candidatos deberán pasar por unha comisión parlamentaria que avalíe o seu currículo e a súa capacidade profesional, a mesma fórmula que os populares propoñen para elixir os representantes do Consello de Contas ou do Valedor do Pobo.
Levantar o "freo" ao proceso de descentralización da administración local, fomentar o asociacionismo de pequenos municipios e crear as áreas metropolitanas son outras das propostas que incluirá o programa electoral do PPdeG, que tamén defende a creación dunha conferencia de presidentes autonómicos sen a presenza de ningún representante do Estado.