O presidente brasileiro estivo presente na segunda xornada da meirande xuntanza dos movementos sociais, xunto con Morales, Chávez, Lugo e Correa.
Ante unhas oito mil persoas, e a carón dos presidentes de América Latina que asistiron ao Foro Social Mundial (FSM) de Belém (Hugo Chávez, de Venezuela; Evo Morales, de Bolivia; Fernando Lugo, de Paraguai; e Rafael Correa, de Ecuador), Lula criticou o Fondo Monetario Internacional (FMI), defendeu a intervención do Estado na economía e volveu dicir que a culpa da crise financeira internacional téñena os países ricos.
Este ano o presidente brasileiro decidiu ficar na casa, e asistir á meirande xuntanza dos movementos sociais do mundo, no canto de ir ao chamado foro dos banqueiros, o Foro Económico Mundial de Davos.
"A crise non naceu por causa do socialismo boliviano de Hugo Chávez. Non naceu por causa da Constitución de Evo Morales. A crise naceu porque durante os anos 80 e 90 eles defenderon a lóxica de que o Estado non podía facer nada e que o 'deus mercado' ía desenvolver o país e facer xustiza social el só. Ese 'deus mercado' crebou por falta de control, por irresponsabilidade", sinalou o presidente brasileiro, ao tempo que criticaba as institucións financeiras internacionais que en crises anteriores lle prestaron diñeiro aos países pobres, mais esixindo, como contrapartida "a redución de investimentos na área social".
"Parecía que eles eran infalíbeis e nós, incompetentes. Espero que o FMI lle diga a Barack Obama o que el ten que facer para arranxar a súa economía. Que lle diga a Alemaña como ten que resolver os seus problemas, a Nicolas Sarkozy ou a Silvio Berlusconi como van coidar das crises que eles mesmos crearon", ironizou Lula.
Os presidentes piden a unión dos países latinoamericanos
Ao se dirixir aos colegas de continente, Lula preferiu falar das semellanzas entre eles nas súas traxectorias políticas até chegar á presidencia, e evitou polemizar sobre as diverxencias en relación ao Encoro Hidroeléctrico de Itaipu, que o enfronta a Fernando Lugo, ou os problemas co fornecemento de gas boliviano con Evo Morales.
Durante o debate, Chávez, Correa, Lugo e Morales mantiveron o discurso co que chegaran ao FSM, pedindo a unión entre os países de América Latina para superar a crise e presentar ao mundo un novo modelo de desenvolvemento.
"Menos mal que os pobos de América Latina espertaron a tempo", dixo o presidente venezolano Hugo Chávez na súa intervención na que falou, sobre todo, da difícil situación económica á que se enfronta o mundo. Así mesmo, fixo un chamamento aos mandatarios latinoamericanos a unirse e continuar cos procesos de cambio que desenvolven dende máis dunha década. "Un outro mundo é posíbel, necesario e está nacendo agora en América Latina", dixo Chávez.
Polo seu lado, o presidente de Bolivia, Evo Morales anunciou que o seu goberno estuda crear un Ministerio do Medio Ambiente, que será o segundo en incorporarse á nova estrutura do poder executivo, despois da carteira de Autonomías, no marco da nova Constitución Política do Estado (CPE), aprobada o pasado domingo en referendo popular.