O autor lanzou unha web na que, ademais, se poden escoitar cancións inspiradas no libro así como lecturas de fragmentos.
O río marca unha dirección e abre unha viaxe. As personaxes de Riofero suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Xelís de Toro regresa á novela para adultos e faino cunha historia dunha viaxe, unha subida a un río, que estará nas librarías a vindeira semana, da man de Xerais. O autor acompaña a publicación da obra dunha web na que xa se pode ler o primeiro capítulo do libro, e na que tamén se poden escoitar cancións inspiradas no libro así como lecturas de fragmentos do texto.
"Como había tempo que non sacaba unha novela para adultos, decidín facer aquí unha pequena celebración", explica Xelís de Toro nun vídeo que tamén se pode ver na páxina promocional do libro. Mais non era ese o obxectivo inicial; o que ían ser apenas dous ou tres pezas musicais, acabouse convertendo case nun proxecto sonoro paralelo ao propio libro, con colaboracións tan importantes como a de Fran Pérez Narf.
En Riofero os personaxes realizan unha procura, un proceso no que "os humanos tornan feras e no que as vidas esvaen até converterse en sombras". O recurso da novela como proceso e do río como metáfora da vida non é en absoluto novo, pero para De Toro "o reto era traballar cun material que todos coñecemos, que nos pertence a todos, e facelo dunha maneira diferente".
O río. "Para min iso é precisamente o que é a literatura", explica o autor, "tanto ler como escribir é atravesar un río de palabras, e cando chegamos ao outro extremo o ideal é que esteamos nun lugar diferente a onde comezabamos". Xelís de Toro conclúe: "Eu apuntar apuntei ao corazón da literatura, mais era de noite e a besta movíase, pero eu apuntar apuntei e disparar disparei, iso é o único que importa".
Descarga e le aquí o primeiro capítulo (.pdf)