PPdeG e PSdeG enviarán alcaldes, concelleiros e importantes cadros facer campaña no exterior, mentres que os nacionalistas só mobilizarán reforzos "puntualmente".
PPdeG e PSdeG mobilizarán os seus alcaldes e dirixentes locais para facer campaña na emigración con motivo das eleccións do 1 de marzo, mentres que o BNG só enviará alguén "puntualmente" para reforzar os actos das delegacións nacionalistas na diáspora, informa Europa Press.
O BNG fica na casa
Dende o BNG indicaron que "aínda non se decidiu" quen acudirá no caso de que finalmente así se decidise, xa que as axendas da campaña non están pechadas. No entanto, confirmaron que non se trasladarán fóra nin o candidato da formación á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, nin ningún cabeza de lista.
Afirman que estudarán as peticións recibidas dalgunhas delegacións da formación en América ou Suíza mais que non van "deslocalizar persoas especificamente para realizar campaña", senón que serán os propios militantes residentes ausentes os que a fagan.
O coordinador do BNG en Suíza, Fernando Nogueiras, argumentou que son os emigrantes os que "coñecen a problemática" da diáspora e, polo tanto, "son os que teñen que explicar" aos cidadáns as propostas. Esta circunstancia é, segundo Nogueiras, a que "dá credibilidade ao BNG" no exterior.
En Suíza organizaranse catro grandes actos nas principais cidades (Berna, Zürich, Xenebra e Basilea) durante a campaña, que contarán cos cartaces e a propaganda enviada dende Galiza.
Máxima presenza do PPdeG
No caso dos PPdeG, perto dunha trintena de rexedores e edís do partido cruzaron ou cruzarán o charco proximamente para realizar encontros coas comunidades no exterior.
Esta mesma semana, Bos Aires recibiu a visita dunha delegación de dirixentes locais, encabezada polos alcaldes de Fisterra, Coristanco e A Baña e que tamén contou coa presenza de concelleiras de Vimianzo e Camariñas ou do ex rexedor de Negreira José Blanco Pazos.
Precedéronos os alcaldes de Ponteareas, Lalín, Silleda, Cartelle, Celanova, Verea, Melón, Cabana, A Laracha, Boqueixón ou Ponteceso, así como portavoces do PPdeG en Carballo ou Quintela de Leirado, entre outros. Tamén, os presidentes do partido en Ourense e Pontevedra, Xosé Luís Baltar e Rafael Louzán, respectivamente, ou os rexedores de Bóveda, Paradela e Sober. E han de ir os de Trabada, Lourenzá, Barreiros e Palas de Rei.
O presidente dos populares españois, Mariano Rajoy, viaxará os días 7 e 8 de febreiro a Suíza. Nesas mesmas datas, Feijoo estará en Uruguai e na Arxentina, que previamente tamén visitará Suíza, ao igual que a deputada no Congreso, Ana Pastor.
Mobilización da maquinaria do PSdeG-PSOE
O líder do PPdeG coincidirá en Bos Aires e Montevideo co seu rival do PSdeG, Emilio Pérez Touriño. Esta será a súa única viaxe a Latinoamérica como candidato á Presidencia da Xunta. No entanto, outros membros da cúpula do partido, como o vicesecretario xeral, Ricardo Varela, xa viaxaron a finais de decembro, no seu caso, acompañado polo número dous do PSOE, José Blanco, que agora está en Venezuela.
Tamén a secretaria de Emigración da Executiva do PSdeG, Marisol Soneira, está este domingo na Arxentina, logo de visitar Andorra, Francia e Venezuela. Posteriormente, percorrerá Uruguai -acompañando a Touriño- e Brasil.
Varios son os alcaldes socialistas que xa visitaron a colectividade galega no exterior, e polo menos outros catro, os de Lugo, Navia, A Fonsagrada e Chantada, farano en datas vindeiras. No entanto, dende o PSdeG aseguraron que estas viaxes "non responden a ningunha estratexia" de partido, senón que forman parte de costumes persoais de visitar a diáspora.
Ademais, o PSOE inaugurou recentemente dúas novas agrupacións electorais na Arxentina, outras dúas en México e unha última en Miami.
Impacto do CERA
O Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) ascende a 334.134 persoas, case un 14% dos pouco máis de 2,3 millóns de galegos que residen no territorio administrativo da Comunidade Autónoma. En Arxentina están inscritos 120.804 galegos con dereito a voto; en Uruguai, 38.394; e en Venezuela, case 34.000, segundo datos do mes de decembro.