Presentado como parte do "equipo económico" para tempos de crise, o profesor da USC é a última novidade dunha lista que espreme os prazos até o final.
"Estamos facendo a renovación responsábel á que nos comprometemos", asegurou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo
"O doado sería repetir listas e ofrecer máis dos mesmo, pero nós estamos polo difícil, unha renovación responsábel á que me comprometín hai xa tres anos porque creo que é o bo para Galiza", explicaba este luns o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, xustificando a lentitude no peche das listas do seu partido para o 1M.
"Nun momento de extraordinaria dificultade e esforzo para os xestores do ente público o PPdeG quere presentar un equipo que funciona coa esperanza e confianza de facer algo distinto e usar as ferramentas da sociedade, para traballar ao servizo da sociedade", comentou Feijoo ao tempo que presentaba o economista Pedro Arias como novo fichaxe para a lista coruñesa da formación. Feijoo destacou o papel chamado a representar por Arias como integrante do equipo económico do PP para enfrontar a crise "dende o próximo 2 de marzo".
Pedro Arias, que entrara no seu momento en política vencellado ao PCE para pasar despois a ser concelleiro con Francisco Vázquez na Coruña, estaba desde hai anos na órbita do PP, colaborando nos últimos anos coa Fundación Ágora, próxima a este partido. Na súa presentación como candidato explicou que aceptou o convite do PP porque considera que "o actual Goberno está acentuando a crise a supeditarse a pactos políticos nun exercicio de clientelismo". Do mesmo xeito, acusou a socialistas e nacionalistas de causar un "endebedamento xeneralizado" nas contas públicas. Ao respecto, aventurou que se o PP consegue o poder practicará unha política "de austeridade e gasto intelixente, e baixando os impostos".