Convocados por máis de 80 organizacións, os manifestantes pedíronlle á Xunta que se pronuncie contra as agresións do Estado de Israel.
Imaxe: Xela Rodríguez
"Todos somos Palestina". Este foi o berro unánime duns 15 mil manifestantes, segundo avaliación dos organizadores, que encheron este domingo as rúas de Santiago de Compostela para amosar o seu rexeitamento á ofensiva do Estado Israelí na Faixa de Gaza.
Con lemas como "Galiza con Palestina", "Non ao masacre", "Paremos a matanza" ou "Zapatero, queremos saber quen lle vende as armas a Israel", a marcha chegou até a Praza da Quintana, onde se deu lectura dun manifesto (en .pdf). As encargadas foron a actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, e a cooperante de Galiza por Palestina, Laila Tillawi. Nel reclamaron o impulso de políticas activas de solidariedade a prol de Palestina, exixiron á Xunta que se pronuncie contra Israel e que se declaren a embaixada e o goberno daquel estado non gratos en todo o territorio galego e pediron aos medios de comunicación que informen con imparcialidade e "non a favor do sionismo".