"A maioría do país quere continuar e o último que necesita Galiza neste momento é que o PP volva gobernar", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no acto de precampaña do PSdeG-PSOE este domingo en Ourense. Ante máis de cinco milleiros de militantes e simpatizantes, o candidato socialista insistiu en que unha vitoria do PP nos próximos comicios "é o último e o único que non necesitamos". "Nunca o pasado modernizou o país", subliñou, criticando "a Galiza da resignación e do pasado" que na súa opinión representa o PP.
Foi nese sentido que chamou a cidadanía a unha mobilización "masiva" ás urnas o próximo marzo. "A única forma de lograr un avance é mirando adiante, só adiante e sempre adiante", expresou quen volverá ser cabeza de cartel do PSdeG, instando a súa militancia a "suar a camiseta" para gañar a confianza da cidadanía e "lograr que o cambio continúe con novo impulso, gañas e ilusión". "O último que Galiza precisa é que volva gobernar o PP, porque o camiño de Baltar e Louzán non conduce a nada, é un camiño do pasado", comentou en relación aos presidentes das deputacións de Ourense e Pontevedra, principais bastións de poder na actualidade dos
populares.
Touriño apelou no seu discurso ao apoio dos electores que malia non apoiaren co seu voto os socialistas nos anteriores comicios en 2005 "pensan agora que continuar o cambio é a opción máis razoábel" para o país. "Pedireilles que nos axuden tamén a eles, porque os necesitamos a todos", dixo o secretario xeral dos socialistas. "O de 1 de marzo vaise votar pola educación, pola sanidade, polas pensións, polo traballo, porque imos apresa, avanzando, pero quédanos moito por percorrer", salientou durante o seu discurso.
"Todas as portas abertas a España" "Galiza non cabe nunha estratexia partidaria, non é unha moeda de cambio, estas eleccións son sobre o futuro de Galiza, e eu quero ser o presidente de todas e todos, e non contra ninguén", expresou o líder do PSdeG na súa intervención, diante dun auditorio onde ademais do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, estaban o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, diversos deputados no Parlamento e no Congreso, conselleiros, os presidentes das deputacións de Lugo e A Coruña e alcaldes, entre outros responsábeis do partido.
O cabeza de cartel do PSdeG falou así contra o que cualificou de "illamento pesimista no pasado", en relación ao PP, e do que definiu de "illamento autosuficiente", aludindo ao BNG. Nese sentido, e ao fío do seu actual socio de goberno, comentou que "nada do que acontece ao noso arredor nos é alleo e subliñou que a súa formación traballa por unha Galiza "con todas as portas e fiestras abertas a España, Europa e o mundo". Insistiu dese xeito en que "con Touriño Galiza sempre será leal a España" afondando na súa vontade de "participar apaixonadamente nese proxecto colectivo e fermoso que se chama España".
"Ninguén ten dereito a tratar a Galiza coma se fose parte súa, que é o que cren os dirixentes do PP", comentou dunha beira, pasando a continuación a arrebolar outra mensaxe desta volta cara ao Bloque, afirmando que "tampouco ninguén ten dereito a repartir certificados de galeguidade ou a dicir que uns somos máis galegos que outros".