A iniciativa do goberno chileno completarase, antes de fin de ano, con institucións análogas para o aymara e o rapanui.
O goberno chileno constituíu a Academia Nacional da Lingua Mapuche, unha nova ferramenta para a protección da lingua Mapudungun, que supón un paso máis despois do pacto social do recoñecemento do multiculturalismo, dado na anterior lexislatura.
A nova institución, con sede en Temuco, pretende normalizar a lingua e propoñer políticas lingüísticas en campos como o ensino, ademais de orientar as iniciativas das comunidades mapuches que garantan o uso do seu idioma.
O programa desenvolverao a Corporación Nacional polo Desenvolvemento Indíxena (Conadi), organización pública que traballa pola promoción e o desenvolvemento dos pobos indíxenas de Chile (aymara, atacameño, colla, diaguita, quechua, rapanui, mapuche, qawasqar e yagan).
Este ano, o esforzo do goberno de Michelle Bachelet centrouse nas tres principais linguas indíxenas: o aymara, o rapanui e o mapuche. A finais de ano, cada unha delas contará coa súa propia academia da lingua.