Serán en total até catro iniciativas lexislativas populares as que queden en fase de tramitación.
Son catro os textos propostos por impulso da cidadanía que quedarán pendentes de debater no Pazo do Hórreo. O primeiro deles é o relativo ao polémico plus de altos cargos, retribución extra que non volverá así ao primeiro plano parlamentario as próximas semanas. Por outro lado, queda fóra tamén a modificación da Lei Electoral proposta por Esquerda Unida, que de xeito concreto pedía rebaixar dun 5 a un 3% a porcentaxe de votos necesaria para obter un deputado.
Ademais, en trámite estaban as iniciativas lexislativas para a creación dunha rede de apoio á muller embarazada e para a creación da área metropolitana de Vigo. Deste xeito, na actual lexislatura só se lle tería aberto a porta a unha iniciativa lexislativa cidadá, a relativa á protección e conservación dos ríos do país, un proxecto que de feito viña herdado da lexislatura que rematou en 2005.