Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Carlos Callón, d'A Mesa

"En democracia, os tratados internacionais hai que cumprilos"

O presidente d'A Mesa estivo na presentación de Diverslinguae, unha asociación que nace para dar a coñecer o plurilingüismo do Estado Español.

Redacción - 19:50 16/12/2008
Na conferencia de prensa, Julen Urkiola, Maria Arenys, Carlos Callón e Mikel Etxebarria

Na conferencia de prensa, Julen Urkiola, Maria Arenys, Carlos Callón e Mikel Etxebarria

Esta terza feira de mañá presentouse en Compostela a asociación Diverslinguae, unha entidade formada por A Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Aurten Bai, a Euskara Kultur Elkargoa e o CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), que nace co obxectivo de dar a coñecer a realidade plurilingüe do Estado Español e defender os dereitos lingüísticos dos pobos con idiomas minorizados no ámbito estatal.

As catro entidades que a conforman xa manteñen unha colaboración permanente dende hai anos, e ademais integran o Comité do Estado Español da Axencia Europea das Linguas Minorizadas (EBLUL- European Bureau for Lesser-Used Languages), a través do que colaboran con entidades supranacionais coma o Consello de Europa, monitorizando o cumprimento da normativa en materia de dereitos lingüísticos.

De feito, o Comité do EBLUL participou nas diferentes reunións que o Comité de Expertos do Consello de Europa realizou durante a súa visita ao Estado tanto en maio de 2004 como en setembro de 2007 para avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), que se presentou a semana pasada.

Na conferencia de prensa desta terza, ademais de presentar a súa actividade, os representantes das catro entidades que conforman a asociación Diverslinguae fixeron unha pequena avaliación da Carta Europea das Linguas en cada un dos seus territorios de actuación. Primeiro falou Carlos Callón, presidente d'A Mesa, quen lembrou que "os tratados internacionais hai que cumprilos; non pode ser que se vulneren os dereitos lingüísticos dos cidadáns", sinalou, ao tempo que denunciaba que "no Estado Español esta normativa non se está aplicar, e tampouco nas Comunidades Autónomas, onde parece que se está a xogar ás agachadas e a botar a pelota a outros tellados; todos teñen responsabilidades", remarcou.

"No Estado Español hai unha realidade plurilingüe, e o goberno debe actuar"
Neste sentido, Callón sinalou que no Estado Español "persisten problemas xerais xa detectados con anterioridade, mais sen poñerse aínda medidas para solucionalos", ao tempo que revelaba que os máis prexudicados son os ámbitos da administración pública e da xustiza. "Urxe mudar o marco xurídico para que fique claro que nos tribunais se poden desenvolver procedementos na lingua propia, a petición da parte implicada". A realidade é que no Estado Español hai unha realidade plurilingüe, e o goberno ten que actuar", concluíu.

Callón fixo logo un repaso polos incumprimentos das recomendacións desta Carta no noso país, sinalando que "o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega non se está a aplicar, e ninguén nos deu aínda unha explicación; a ninguén prexudicaría avanzar neste ámbito". Nesta liña, o presidente d'A Mesa tamén demandou "un novo debate sobre a galeguización do ensino, que non pode ser o mesmo despois deste informe, que deixa ao descuberto as mentiras duns e as propagandas incumpridas doutros".

Carlos Callón tamén se lembrou da conselleira de Educación Laura Sánchez Piñón, que após a publicación da Carta, fora preguntada polos medios de comunicación sobre as recomendacións a respecto do cumprimento do Decreto de Galeguización do Ensino. "É incríbel ver tanto descaro á hora de mentir", dixo Callón mentres sinalaba que Sánchez Piñón tiña culpado ao anterior goberno da Xunta dos erros na galeguización do ensino, cando "este informe é de finais do ano pasado e ela teno sobre a mesa dende hai moitos meses e nin antes nin agora adoptou medidas para paliar estas eivas", revelou Callón, concluíndo que "unha conselleira non ten que enganar, senón cumprir as leis e é a responsábel de que se cumpran; agardamos que as eleccións de marzo non sexan unha nova escusa para non pór en marcha novas medidas".

A situación do euskera e do catalán
Na conferencia tamén interviñeron Mikel Etxebarria, secretario da Fundación Aurten Bai e membro da dirección europea do EBLUL -quen sinalou sinalou que en canto ao euskera, Euskadi recibe "un aprobado" aínda que coa obriga de mellorar, sobre todo no tocante á atención ao público, tanto no servizo vasco de saúde, como na policía autónoma, ao tempo que denunciaba unha ausencia total do éuscaro en TVE e RNE no país-; Julen Urbiola, director da fundación Euskara Kultur Elkargoa, de Navarra -quen sinalou que a actuación tanto da administración autonómica como da estatal a respecto do éuscaro na comunidade foral "só merece un suspenso", mais recoñeceu que o informe recolle algunhas melloras que se produciron nos últimos anos, como a legalización das ikastolas situadas na zona non vascófona, que até hai pouco estaban prohibidas-; e Maria Arenys, representante do CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions) -quen asegurou que "aínda que en Cataluña a lingua máis utilizada na vida pública é o catalán, a situación deste idioma é moi diferente nos distintos territorios nos que se fala, incluíndo Valencia, Illas Baleares, a Franja de Aragó e tres localidades en Murcia-.


Ligazóns

4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: