Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
mercando con cabeza todo o ano

"É posíbel vivir con menos e mellor"

A ONG Amarante fai unha chamada ao consumo responsábel e contra o consumismo desaforado na súa campaña "Consome o xusto, tamén no Nadal".

Antía Rodríguez - 09:00 04/12/2008
A ONG está a distribuír café de comercio xusto nas máquinas expendedoras dos centros socioculturais de Compostela

A ONG está a distribuír café de comercio xusto nas máquinas expendedoras dos centros socioculturais de Compostela

A longa lista que artigos que se mercan no Nadal e que non pasan de xaneiro é moi ampla. Moitos dos artigos -roupa, calzado, xoguetes, comida- nin sequera son utilizados o ano seguinte, e as cousas empeoran agora, neste contexto de crise. Para que a xente non consuma sen pensar este Nadal e para que se pelexe por mercar de xeito responsábel, Amarante presentou a súa campaña "Consome o xusto, tamén no Nadal".

Cando outros anos este ONG encamiñaba a súa campaña do Nadal a darlle visibilidade aos produtos e novidades do comercio xusto, este ano desmárcanse da visión máis comercial e fan un chamamento aos cidadáns para que consuman con responsabilidade. A directora de Amarante, Fernanda Couñago presentou a campaña, lembrando que non é preciso seguir alimentando necesidades artificiais fundamentadas no consumismo, que non produce outra cousa que a "explotación desaforada dos recursos naturais, favorecendo a extensión da pobreza e a crise alimentaria por todo o mundo". "A sociedade galega está entrando nunha situación de consumismo preocupante; de todos os produtos que mercamos no día a día, un 1% permanece nas nosas casas sen ser usado, pasados seis meses, e sobre todo nestas datas, estando tan próximo o ano 2009, no que se prevé que esta situación de crise vaia empeorando", sinalou Couñago.

Consellos prácticos para sobrevivir á crise financeira
Dende Amarante propoñen 10 puntos para seguir, nestas datas, a facerlle fronte ao difícil contexto que se está a instalar a todos os niveis. Primeiro falan as chamadas tres erres: reducir o consumo, reutilizar e trocar os produtos, e reciclar. Ademais disto, aconsellan empregar as bancas éticas -aquelas que invisten en proxectos sociais parte dos seus fondos-; non consumir enerxía innecesariamente; elixir produtos ecolóxicos -rexeitando os transxénicos-; sumarse ás campañas de denuncia contra os abusos das multinacionais; mercar no pequeno comercio local, asegurarse de que os produtos que se mercan foron elaborados en condicións de respecto ás persoas e ao medio; e organizarse en cooperativas de consumo responsábel.

Consumo responsábel: reactivando o comercio local
Fernando Couñago lembrou ademais, na presentación desta campaña, a importancia de que a sociedade galega se organice en cooperativas de consumo responsábel. Ademais, no noso país hai tecida unha rede na que participan 11 organizacións que lles mercan aos produtores locais, de tal xeito que axudan a desenvolver a economía da vila, do concello ou da comarca. Na actualidade, estas cooperativas moven un millón de euros ao ano, "o que significa que algo se está a mover en Galiza, e que é viábel", sinalou a directora de Amarante. Xuntas, traballan, fan pedidos e están encamiñadas a constituír unha central de compras para toda Galiza. "Ademais, xuntos teñen máis forza para facerlles presión ás administracións públicas para que aposten polos pequenos produtores locais, polos mercados próximos, polo desenvolvemento local, profundando na idea da soberanía alimentaria dos pobos", subliñou Couñago.

Neste sentido, Fernanda Couñago lembrou que as administración nacionais e as locais están pouco sensibilizadas coas alternativas de consumo, e que acendan as luces de Nadal un pouco máis tarde que outros anos, por exemplo, non é porque estean concienciadas. "Aquí non se promove a desaparición das bolsas de plástico, como en Cataluña; non se introducen nas guías locais informacións sobre os produtos beneficiosos que se poden mercar, non se traballa polo pequeno comercio, senón que se constrúen superficies comerciais, canto máis grandes mellor", queixouse Couñago, ao tempo que lembraba que en cidades coma Vigo ou Compostela os mercadiños de troco, que promoven varias ONG galegas e cooperativas de consumo responsábel, están prohibidos polos concellos, coma se fosen unha actividade comercial calquera, e é preciso pedir un permiso, como os mercadiños normais. "Este é outra das contradicións dos concellos, que tamén apostan polo biodiésel, e mercan autobuses que o empregan, ao tempo que constrúen cada vez máis aparcadoiros, que axudan a encher a cidade de automóbiles", dixo Couñago, quen lembrou que tampouco se favorece a introdución de produtos ecolóxicos nos comedores escolares. "Aquí vaise a remolque, non coma noutros lugares, onde se promove o comercio xusto. Aquí nin sequera se inviste dun xeito responsábel, nós entendemos que agora mesmo non se fai. Se non promoves o consumo nesta liña, queda paralizado, creándose minifundismos coas iniciativas que van xurdindo nos movementos sociais, sen que se cree unha única e forte entidade".

Actividades durante o Nadal
Segundo contou a súa directora, Amarante abrirá en Ribadeo a primeira tenda onde se poden adquirir produtos de Comercio Xusto na Mariña, que se unirá ás xa existentes de Ourense, Vigo, Pontevedra e Compostela. Ademais, dende hai nada, esta ONG traballa para incorporar estes produtos aos centros socioculturais de Compostela, e nalgúns deles xa se pode mercar, nas máquinas, café de comercio xusto.

Durante o Nadal, esta ONG difundirá esta súa campaña, pegando carteis, proxectando filmes sobre o consumo responsábel e organizando degustacións de produtos de comercio xusto nos seus locais. Ademais, teñen programados seráns de contacontos en Vigo, Pontevedra, Ourense e Compostela e un curso de cociña e un obradoiro de reparación de roupa en Vigo e Pontevedra.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A directora de Amarante, Fernanda Couñago
A directora de Amarante, Fernanda Couñago
Amarante presenta a súa campaña para que os galegos e galegas consuman con cabeza
Amarante presenta a súa campaña para que os galegos e galegas consuman con cabeza
Un posto de comercio xusto
Un posto de comercio xusto
Arroz integral, un dos produtos de comercio xusto que vende Amarante
Arroz integral, un dos produtos de comercio xusto que vende Amarante
A cesta substentábel, infusións de comercio xusto. En Galiza véndense, sobre todo, café, arroces, azucre, cacao, galletas e chocolates
A cesta substentábel, infusións de comercio xusto. En Galiza véndense, sobre todo, café, arroces, azucre, cacao, galletas e chocolates