No Día Internacional da Discapacidade, os colectivos reclaman igualdade de servizos e prestan atención á situación das mulleres e do rural galego.
Uns días despois de que o Consello Territorial da Dependencia aprobase o acordo do copago enmarcado no Sistema de Atención á Dependencia, os diferentes colectivos revélanse contra del. Considérano unha medida que non fomenta a autonomía persoal dos discapacitados e lamentan que os políticos non tivesen en conta as súas achegas. É o último episodio das iniciativas gobernamentais a prol da igualdade de dereitos, un camiño que se comezou a andar mais no que aínda queda un amplo percorrido. Así nolo confirma dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) o seu coordinador, David Silva, quen repasa con nós os principais problemas deste colectivo no seu Día Internacional. En Galiza viven nesta situación 206 mil persoas, das que máis de 122 mil teñen menos de 65 anos.
Vieiros: Neste día adicado á discapacidade, ¿Cales son os retos de futuro que se marca o colectivo?
David Silva: Nun día coma hoxe, o fundamental é facer chegar as nosas mensaxes á cidadanía, á sociedade en xeral. O traballo de sensibilización é primordial para ir eliminado todo tipo de barreiras que atopamos cada día, non só físicas, senón tamén mentais. Polo demais, reiteramos a importancia de que teñamos acceso a todos os servizos, como por exemplo poder elixir o noso lugar de residencia sen que nos vexamos obrigados a vivir con arranxo a un sistema de vida específico. Tamén facemos fincapé na situación da muller discapacitada, que vive dobremente discriminada no ámbito familiar, laboral e social. Falamos do medio rural galego, que se teña en conta a dispersión xeográfica do noso país e que se garanta, polo menos, niveis análogos de prestacións e servizos que nas zonas urbanas. E que se dea unha prioridade real á Accesibilidade Universal a través da modificación da actual lei e a posta en marcha de mecanismos de control que aseguren o seu cumprimento.
Colectivos coma o voso foron moi críticos co copago do sistema de Atención á Dependencia ¿que é o que botades en falta?
Tal e como se aprobou, os servizos que recibiremos van depender en gran medida da renda das persoas e iso non é de todo xusto. Os beneficiarios cunha cantidade económica superior ao indicador público de renda (IPREM), é dicir, 6.202 euros, deberán pagar de xeito progresivo as prestacións e servizos que prevé a Lei para a Atención de Persoas en Situación de Dependencia. O caso é que nós solicitabamos a exención de participar no custe dos servizos para persoas con discapacidade menores de 65 anos con rendas inferiores a 2,5 veces o IPREM e acordouse o 1 IPREM (516 euros). Hai que ter en conta que con esa renda a maioría da xente non pode facer fronte ao pago de prestacións ou servizos que no seu caso son básicos, de primeira necesidade. Así, no canto de contribuír á súa autonomía, convértese nunha barreira máis. Nós estamos de acordo en corresponsabilizarnos no pago, pero non nestes límites.
Dende diferentes organizacións xa se falou de protestas legais, ¿Que expectativas tedes de que esta cuestión mude no futuro?
A cuestión é que este acordo non ten rango normativo. Agora a pelota está no campo das comunidades autónomas que son quen terán que decidir o grao de copago a partir deste acordo de mínimos. Nós agardamos que o decreto sexa máis positivo e teña en conta que tal e como está formulado, este sistema penalizará sobre todo a quen máis se ten esforzado en acadar unha vida autónoma, de participación e integración. O que non podemos contemplar é que a lexislación non responda ás grandes expectativas que foron xeradas, hai que exixir aos políticos que sexan responsábeis e atendan ás demandas que facemos os diferentes colectivos, porque somos quen realmente sufrimos un día a día en desvantaxe.
No caso galego, falades dunha dobre dificultade para a integración por mor da dispersión xeográfica e do inaccesíbel do medio rural, ¿cres que se terá iso en conta para arbitrar medidas compensatorias?
Esa é a liña na que nos movemos. A propia administración autonómica xa fala das características propias de Galiza que é preciso ter en conta. Avances hainos, como a cuestión do transporte adaptado, o comedor sobre rodas... Hai que ter en conta que as persoas con discapacidade levan unha vida aínda máis difícil no rural e carecen de todo tipo de servizos que lles garanta igualdade de condicións. É precisa a inmediata intervención das Administracións Públicas para garantirlles, polo menos, niveis similares de prestacións e servizos que os das zonas urbanas.
As demandas son moitas e as necesidades tamén pero, ¿pódese facer algún balance positivo sobre o acadado até o de agora?
Si, nos recoñecémolo sempre. Nos últimos anos están cambiando as cousas e tense en conta a discapacidade en moitos máis ámbitos da realidade social. Trátase o tema no Parlamento, incluíronse cuestións na Lei do Hábitat, no emprego... A lexislación vai dando pasos, agora só hai que cumprir con ela, senón non serve de nada. Con respecto á sociedade tamén se dan avances: os discapacitados agora somos máis visíbeis, antes quedabamos nas casas recluídos e agora participamos do noso contexto. É un paso adiante e moi importante, porque a integración é fundamental. Con todo, aínda queda moito por andar, hai que aproveitar esta tendencia e darlle un impulso maior, porque o percorrido que queda aínda é longo.