Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise: Ulo cambio?

Estados Unidos: 'Mesmos socios, mesmos adversarios'

A ex primeira dama e o presidente electo sempre coincidiron nas cuestións sociais e económicas, mais no eido da política exterior as diverxencias -aparentemente- eran abismais.

Fernando Arrizado - 14:00 02/12/2008
Clinton ocupará un dos cargos máis importantes da Administración Obama

Clinton ocupará un dos cargos máis importantes da Administración Obama

"Máis socios e menos adversarios". Este é o obxectivo anunciado pola que será ministra de Asuntos Exteriores do goberno de Barack Obama, a ex primeira dama Hillary Clinton. Mais, baseándonos no defendido pola senadora por Nova York nas eleccións primarias que finalmente perdeu, semella que o seu verdadeiro leit motiv ha ser Mesmos socios, mesmos adversarios.

Particularmente en Oriente Próximo, foco da maioría dos conflitos e tensións entre os países de maioría musulmá e occidente, a estratexia de Estados Unidos, presente en Afganistán e Iraq, aliado principal de Israel e cun discurso extremadamente belicista contra Irán, non ten trazas de que vaia mudar un ápice nos catro anos vindeiros.

O mes de abril pasado, nunha entrevista na canle de televisión ABC, Hillary Clinton xa advertía das súas intencións en contra do país persa de estar ela na Casa Branca e se producise unha hipotética agresión contra o estado israelí. De feito, o primeiro ministro Ehud Olmert felicitouna esta semana polo seu novo cargo, cualificouna de "amiga do estado de Israel e dos xudeus" e amosouse seguro de que "continuará o progreso da relación especial" entre os dous gobernos.

A de Clinton non é a primeira designación de Barack Obama que apunta nesta dirección. O seu man dereita, Rahm Emanuel, é xudeu, fillo dun colaborador da milicia sionista Irgun (Etzel) e claramente favorábel aos intereses do Estado de Israel no conflito en Palestina. No entanto, sorprende que á fronte da Secretaría de Estado estea a persoa que máis afastada semellaba estar dos postulados do senador de Illinois en política exterior.

Se ben en asuntos como emprego, saúde, impostos ou libre comercio mantiñan unha posición practicamente idéntica, no eido da diplomacia mantiveron duras disputas. Clinton xa arremeteu contra Obama en xullo de 2007, cando este manifestou a súa vontade de se reunir -sen condicionantes previos- cos líderes de países como Corea do Norte, Iran ou Cuba de chegar á Presidencia.

Foi Obama máis tarde o que descualificou a Clinton, cando esta votou no Senado estadounidense a favor dunha resolución extremadamente agresiva contra Irán, traendo á lembranza os que segundo el foran erros similares na orixe da guerra de Iraq. Ademais, o de Illinois sempre lle recriminou a Hillary Clinton que dera o seu apoio a George W Bush para invadir este país.

Porén, o presidente electo da maior potencia militar do mundo decidiu optar pola ex primeira dama para liderar a diplomacia do seu goberno. Optou por Clinton en detrimento doutros nomes que tamén soaban como candidatos e que teñen maior experiencia en asuntos exteriores, tal como o ex candidato á Presidencia, John Kerry. Decantouse por unha figura que conta, entre outras virtudes, co visto bo dun dos seus máis famosos antecesores neste cargo, Henry Kissinger.

Esta decisión, sumada á elección do xeneral Jim Jones como asesor en Seguridade Nacional -defensor das intervencións militares de EUA en Oriente Próximo- e á renovación de cargos da Administración Bush como o secretario de Defensa, Robert Gates así como nos departamentos económicos, fan dubidar -e moito- do cambio que prometeu -e arelaba medio mundo- por Barack Hussein Obama.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe publicitaria dun centro educativo
Imaxe publicitaria dun centro educativo
O ex secretario de Estado Henry Kissinger, na foto con Bush, deu o seu prace á designación de Clinton
O ex secretario de Estado Henry Kissinger, na foto con Bush, deu o seu prace á designación de Clinton
Clinton, nunha xuntanza con Bush no Despacho Oval
Clinton, nunha xuntanza con Bush no Despacho Oval