Ao berro de "Se non tedes fillos, será culpa do millo!", membros da Plataforma Galega Antitransxénicos denunciaron que a iniciativa é insuficiente.
Esta cuarta feira debatiuse no Parlamento unha Proposición non de Lei, feita pola deputada nacionalista Tareixa Paz, para que o noso país sexa declarado oficialmente Zona Libre de Transxénicos, para que se prohíba o seu cultivo namentres non se investigan os seus efectos na saúde das persoas, os animais e o medio.
Porén, aínda que os tres grupos con representación na Cámara apoiaron, con unanimidade, a proposta, o PPdeG, coa normativa comunitaria na man, lembroulle ao BNG que non se pode prohibir o cultivo e a produción de organismos modificados xeneticamente no noso país, e o PSdeG sinalou que é bo investigar, e tantear os prexuízos e beneficios que poderiamos tirar do seu cultivo. Houbo acordo, mais encamiñado a salvar os nosos cultivos tradicionais na convivencia cos modificados xeneticamente, e deixando de lado a proposta, máis ambiciosa, que facían os nacionalistas.
"A moción carece de contido real"
Mentres os tres grupos debatían, perante o predio institucional xuntáronse unha morea de activistas, convocados pola Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), vestidos de espigas de millo, e mesmo un tomate, que sabían da importancia do día sinalado para que os tres grupos con representación na Cámara se posicionen a favor ou en contra desta proposición: "É unha oportunidade histórica. Todos sabemos o moito que hai que traballar para cambiar as cousas, desta vez estamos a tempo de paralas antes de que sucedan", dicían no comunicado que chamaba a mobilizarse.
Porén, aínda que PPdeG, PSdeG e BNG xa se amosaran, con anterioridade, de acordo con declarar o noso país zona libre de transxénicos, para os ecoloxistas aínda hai eivas na proposta aprobada, xa que máis alá da declaración, procuran o rexeite á introdución de cultivos alterados xeneticamente nas terras galegas -tamén para experimentación-, a identificación, mediante o etiquetaxe, dos alimentos que levan OXM (Organismos Xeneticamente Modificados), alén de información, a distribuír entre a cidadanía e os agricultores, sobre os efectos destes produtos na saúde das persoas e do gando.
Por unha soberanía alimentar e uns métodos de produción sustentábeis
Coa mobilización pretendíase "transmitir aos e ás representantes dos grupos políticos o desexo dos galegos e galegas de conservar a súa biodiversidade e os seus métodos de produción sustentábel", prohibindo a entrada de sistemas de "produción intensiva e alterada xeneticamente promovidos polas industrias transnacionais, que teñen como único obxectivo lucrarse co control mundial da alimentación".
Segundo a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), estamos nun momento chave para decidir o que queremos facer en Galiza, xa que tamén está en trámite unha Proposición non de Lei na Comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Pesca para declarar o Estado Español libre de transxénicos.
"Queremos saber o que comemos!"
Aos berros de "Perigo, transxénicos, están no Parlamento!", "Transxénicos nos campos, tóxicos nos pratos!", "Se non tedes fillos, será por culpa do millo!" ou "Etiquetar é un dereito esencial!", os ecoloxistas concentráronse ás portas da Cámara, en Compostela, para lembrar que os galegos queren saber o que comen, mais tamén o que come o que eles comen, é dicir, o que comen, por exemplo as tenreiras, xa que a meirande parte do millo modificado xeneticamente que se cultiva en Galiza vai destinado á alimentación do gando.
"Parlamento, non te vendas a Monsanto!"
Ademais, o noso país é tamén, na actualidade, zona de cultivo experimental de millo -o coñecido como NK603 x MON810-, ao aire libre dende 2004. En Galiza concéntranse unha grande parte dos case medio millón de metros cadrados de todo o Estado nos que as empresas Monsanto, Pioneer e Limagrain Ibérica cultivan millo transxénico, engadíndolle a este feito o risco que supón que se poidan contaminar outros campos de millo, debido á polinización cruzada. Neste sentido, a PGA denuncia que no noso país foi medrando, nos últimos tres anos, o número de campos experimentais dedicados a este cultivo, esparexéndose por leiras de Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Val do Dubra, Touro, Arteixo, Vilalba Chantada, Castro de Rei e Lalín, sen que se investigase aínda, segundo denuncian os ecoloxistas, se existen "un risco significativo para a saúde humana e/ou do medio".
Porén, o pasado 11 de novembro presentouse en Viena (Austria), un estudo -encargado polos Ministerios de Sanidade e Agricultura-, sobre os efectos dos transxénicos na saúde. Esta investigación, unha das poucas realizadas sobre impactos a longo prazo do consumo deste alimentos, concluíu que a fertilidade de ratos alimentados co millo modificado xeneticamente NK603 x MON810 estaba seriamente danada. Este millo está aprobado para a súa importación na Unión Europea, e emprégase para uso en alimentación humana e animal. Mais os ecoloxistas galegos recalcan que agora que se demostrou que este millo non é bo para a saúde, "todo o proceso de aprobación fica en dúbida. Non nos podemos sentir seguros cos transxénicos que hai no mercado. Non podemos seguir tolerando que as multinacionais experimenten coa nosa saúde co visto e prace do Goberno e das autoridades europeas", engaden.
Zonas libre de transxénicos en Galiza
Na actualidade hai varios concellos de Galiza que se declararon, simbolicamente, zonas libres de transxénicos, rexeitando o cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente (OXM), unha ferramenta coa que as administracións locais e provinciais poden protexer o seu medio, a saúde dos seus cidadáns e a calidade dos seus produtos agrícolas, así como a súa biodiversidade. Os municipios que rexeitan os transxénicos son os de Lalín e Silleda, en Pontevedra; o de Irixo e Verín, en Ourense; o de Chantada e Riotorto, en Lugo; e os de Ames e Negreira, na Coruña.