Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVOS HÁBITOS

Promoción turística: máis internet e menos feiras

O director xeral de Turismo, Rubén Lois, afirmou que van "gastar o mesmo, pero procurando ser máis eficientes".

Redacción - 19:00 24/11/2008
Rubén Lois

Rubén Lois

A Dirección Xeral de Turismo anunciou que vai modificar radicalmente a súa política de promoción das visitas ao país. Segundo explicou o seu responsábel, Rubén Lois, vaise desbotar a asistencia a feiras turísticas e a publicidade en "prensa estándar" e optarase pola presenza na rede.

A decisión débese, segundo o director xeral, polo cambio de hábitos dos turistas, que se fixo máis patente coa crise económica, e que se caracterizan por programar viaxes individuais a través da internet. "Imos gastar o mesmo, pero procurando ser máis eficientes", asegurou Lois.

Tamén preveu que a situación económica vai facer que os desprazamentos longos sexan menos frecuentes, así que apostarase por presentacións nos mercados próximos. O director xeral anunciou que xa non se volverá aos mercados a onde se asistiu o ano pasado, pois resulta moi caro. Ao contrario, convidará xornalistas dos EUA, Canadá e Xapón a visitar Galiza en "xornadas inversas".

Lois avogou, ademais, por "unificar criterios" a nivel estatal, "sobre todo en categorías de aloxamentos é bo que nos parezamos, porque, se non, o turista despístase". A mesma homoxeneización tamén se debe dar, segundo o director xeral de Turismo, no regulamento, adaptando as directivas comunitarias, "respectando as competencias de cada un", matizou.

Nas súas declaracións, que tiveron lugar co gallo da organización da reunión España Verde en Compostela, Rubén Lois dixo que están a detectar "sensación de cansazo" dos turistas polos destinos clásicos. En contraste, destinos como Bilbao, Xixón, Santander ou Santiago soan como destinos "non aglomerados nin estandarizados".


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: