A conselleira de Política Territorial dixo que continuarán os traballos despois do nadal, aínda que non lle afectarán á circulación.
A autovía do Barbanza abrirá antes das festas de nadal. Así o anunciou a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, que se reuniu este mércores con representantes dos concellos polos que discorre a vía de alta capacidade.
A apertura supón un adiante con respecto á data fixada no contrato, que contemplaba a posta en funcionamento a finais de xaneiro de 2009. Así e todo, Caride recoñeceu que non rematarán os traballos. Seguiranse a solventar incidencias puntuais, aínda que "non terán ningún efecto sobre o tráfico rodado", explicou a conselleira.
Algunhas desas incidencias foron causadas pola obra da autovía. Caride garantiulles aos alcaldes a reparación dos desperfectos e lembrou que a empresa concesionaria ten que manter en condicións a autovía durante 30 anos.