Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
90 ANIVERSARIO DA ASEMBLEA NAZONALISTA DE LUGO

O día que Galiza decidiu ser unha nación

A Fundación Galiza Sempre recupera o manifesto coa publicación dunha edición facsímile.

M.S.P. - 11:00 18/11/2008

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas. Así comeza o Manifesto ao Pobo Galego saído da I Asemblea das Irmandades da Fala, celebrado en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918, acta fundacional do nacionalismo galego. Coincidindo co seu noventa aniversario, a Fundación Galiza Sempre (que adquiriu o documento en 1999 e o depositou no Museo do Pobo) publica unha edición facsímil.

As primeiras Irmandades creáranse na Coruña dous anos antes, desenvolvendo neste tempo unha pelexa entre rexionalistas e nacionalistas, e entre progresistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro, Lois Peña Novo, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla ou Xoan Vicente Viqueira) e tradicionalistas (Losada Diéguez, Vicente Risco). A primeira, saldouse cunha vitoria das teses nacionalistas, a segunda tamén foi vencida polos progresistas, seguramente dun xeito menos claro, pero suficiente para que poidamos falar de que o nacionalismo galego tivo dende as súas orixes unha base nidiamente esquerdista.

Para Xusto Beramendi o documento constitúe "o maior punto de inflexión da historia do galeguismo político" e os acordos adoptados na asemblea de Lugo "configuran o cerne de tódolos programas do nacionalismo galego até os anos sesenta. É, xa que logo, a súa acta de nacemento". Defíne a Galiza como nazonalidade, reivindica a súa autonomía cunha carga moi importante de competencias, fai unha proposta federal ou mesmo confederal para a Península Ibérica, e defende a cooficialidade de galego e castelán. Propugna, ademais, unha regaleguización idiomática, cultural e xurídica do país. Beramendi salienta que "gran parte das arelas maiores que inspiraron este documento fican hoxe insatisfeitas e seguen a constituir motivo de conflicto político en España e en Galicia".

É un manifesto nacionalista, pois, mais tamén un texto de esquerdas, no que os postulados progresistas, herdeiros do republicanismo federal, priman sobre as ideas tradicionalistas. Para Beramendi "estamos perante un proxecto moi avanzado para o seu momento, que postula unha democracia representativa moderna, daquela non existente en ningún país europeo e menos aínda na España da Restauración: voto para a muller, representación proporcional, limpeza no sufraxio, erradicación do clientelismo mediante a eliminación das Deputacións provinciais e os concellos rurais...".

Non é tan avanzada, no entanto, o seu programa de transformacións socioeconómicas, en particular a cuestión dos foros e dos reximes de propiedade e cesión da terra, non dedicando a este asunto máis ca unha declaración moi laxa: A Asambleia declara de toda urxencia a resolucion do problema dos gravámenes sobor da terra en Galicia e Tamén declara sere un crime contra Galicia o permanente absentismo dos propietarios da terra.

Actos de conmemoracións en Lugo
Baixo o título A Galiza das Irmandades, unha perspectiva actual, a Deputación de Lugo programou nove conferencias sobre a vixencia dos postulados do manifesto, que serán impartidas no salón de actos da institución entre o 18 de novembro e o 31 de xaneiro de 2009. Entre os conferenciantes destacan Francisco Rodríguez (18 de novembro), Xoán Garrido (2 de decembro), Encarna Otero (3 de decembro), Margarita Ledo (4 de decembro), Pilar García Negro (8 de xaneiro), Xosé Díaz (15 de xaneiro) ou Antón Bao (16 de xaneiro).

Pola súa banda, o Centro Social Mádia Leva! conmemora o noventa aniversario da asemblea este martes no hotel Méndez Núñez (Rúa da Raíña) a partir das sete e media da tarde.


Ligazóns

5/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Asistentes á Asemblea de Lugo
Asistentes á Asemblea de Lugo
Primeira páxina do manifesto. Preme para ampliar
Primeira páxina do manifesto. Preme para ampliar
Carné de afiliación ás Irmandades
Carné de afiliación ás Irmandades