Actuarán, entre outros, Quempallou, Uxía, Narf+Manecas Costa, Lizgairo, Telémaco, Capitán Furilo, The Homens ou Bonovo.
A segunda edición do Culturgal abrirá as súas portas do 4 ao 7 de decembro no Palexco da Coruña. En total, participarán máis de cen entidades galegas dedicadas á creación, a distribución e a promoción dos produtos e servizos culturais. Cultur.gal é o mellor espazo para o encontro, a interrelación e o contacto profesional para todas as persoas relacionadas coa cultura en Galiza. Con este fin organízanse xuntanzas dos diferentes sectores da produción e xestión cultural, mesas redondas, intercambios de experiencias, seminarios e actividades de contacto entre ámbitos e empresas e entre empresas e clientes.
En Culturgal a música terá unha presenza moi importante. Unha vintena de grupos e solistas actuarán en exclusiva para programadores musicais. É a primeira vez que se pon en práctica unha experiencia semellante en Galiza, ao estilo das grandes feiras mundiais, para a promoción musical e para o achegamento directo dos programadores ás últimas propostas musicais de cara á contratación para a vindeira tempada de concertos. Desenvolveranse todas as tardes da feira, agás o domingo, a partir das catro da tarde.
Realizouse unha escolla variada dunha vintena de bandas e solistas, representativos de todos os estilos e formatos, para que os responsábeis das programacións galegas teñan a posibilidade, de primeira man, de coñecer a creación máis actual da música do país. Nela figuran Marcos Teira, Quempallou, Uxía, Aló Irmão, Mutenrohj Faino Ti, Escoitar, Pai da Cana, Lizgairo, Covalblú, Vellas Historias, VI-Gop Quartet, Telémaco, Duplo Son, Aphonnic, Capitán Furilo, Maryland, Roberto Sobrado e Bonovo.
Industria Musical
Ademais destes concertos, integran a programación musical especializada as II Xornadas da industria musical galega e meeting points para profesionais. Nesta actividade contarase tamén cunha representación de artistas pertencentes ao proxecto NSAIO da Dirección Xeral de Xuventude, nun intento de que os máis senlleiros xa vaian tendo contacto cos modos e usos da industria musical.
Do ámbito musical disporán de stand propio 14 entidades: Asociación Galega de Empresas Fonográficas (Agaphono), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Berrogüetto Producións SL, Dos Acordes, Falcatruada Imaxe e Música SL, Lonxa Cultural SL, Músicas de Salitre, Nordesía Producións SL, Nsaio. Rede Galega de Locais de Ensaio, Ouvirmos SL, Saraiba Producións, SinsalAudio SL, Sons Galiza Comunicación SL e Zouma Producións SL.