Os colectivos de consumidores cualifican de "globo sonda" a petición do incremento do 31% e agoiran que a suba autorizada polo goberno español ha de ser en todo caso "esaxerada".
Desde hai un ano, o organismo supervisor do sector enerxético, a chamada Comisión Nacional de Enerxía (CNE), informa periodicamente ao goberno español da cantidade na que entende que debería subir o recibo eléctrico que pagan os consumidores no seu fogar. Trataríase dunha avaliación en función dos custos de produción. No que vai de ano, o executivo estatal non atendeu as porcentaxes solicitadas pola CNE, pero xa estabeleceu incrementos do 3,3% a comezos de ano e do 5,6% en xullo. En plena escena de crise económica, decidiu con todo non autorizar subas en outubro.
Desta volta, a CNE propuxo subir unha media do 31% a taxa eléctrica desde xaneiro de 2009. Desde o Ministerio de Industria cualificouse a proposta de "non razoábel". Ao respecto o ministro, Miguel Sebastián, afirmou que "non é unha proposta seria, é unha barbaridade". Sobre o mesmo asunto, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, comentaba este venres que esa proposta "non paga a pena nin que se tome en consideración".
Desde as asociacións de consumidores son escépticos respecto do cruce de declaracións entre CNE e Industria. A Federación de Consumidores en Acción (FACUA), recorda que representantes do ministerio, empresas e da Comisión reúnense periodicamente polo que sería dubidoso que o órdago das eléctricas pillase por sorpresa o goberno español. Lembran ademais o interese do executivo por seguir mantendo fora da negociación sobre o futuro do sector ás asociacións de consumidores. No mesmo sentido, desde a Unión de Consumidores (UCE), sinalan que no que vai de ano Industria xa apandou coas eléctricas zoupando nos fogares cun aumento acumulado de até o 11%.
Calote coa factura eléctrica en ano récord de beneficios
Paradoxalmente, o pulso das empresas eléctricas chega ao tempo que encaran o treito final do ano coas contas chimpado significativamente cara a arriba. Así, as catro principais do sector (Fenosa, Endesa, Iberdrola e HC) suman ao peche do terceiro trimestre do ano un beneficio acumulado de 10.442 millóns de euros. Isto é, gañaron xa un 134% máis ca no mesmo período do exercicio anterior.
Ao fío, desde a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) recordan que iniciativas "descabelladas" como a recente da CNE están ademais promovidas pola propia resistencia da administración a reformar o mercado da electricidade garantindo a necesaria "transparencia". Coinciden todos os colectivos en analizar que de realizarse unha análise con "rigor" e a fondo da situación, comprobaríase que as demandas sobre o presunto déficit tarifario das empresas do sector son irreais.