As turbulencias que afectan a medio planeta non son homoxéneas. Hai países que ven doutra maneira as dificultades financeiras que sofre o planeta.
Hai veces que o non estar é unha vantaxe. Iso é o que deben pensar a estas horas os angolanos. Neste país a crise financeira que está a abanear a maior parte do mundo non afecta para nada. Así o explicaba esta semana o xefe do Sector de Estudos Técnicos do Banco Nacional de Angola, Sebastião Banganga: “Angola non vai ter problemas coa crise económica que asolaga actualmente os EUA, a UE e outras partes do globo, porque a súa economía aínda está pouco bancarizada”.
A explicación é sinxela: En Angola, máis do 90% dos depósitos captados non se converten en créditos. Mais o propio Banco Nacional de Angola recoñece que isto ten as súas vantaxes e os seus problemas. “Positivo por tratarse dunha crise de créditos onde nós non estamos expostos e negativo porque a economía podía ter crecido máis”.
As visións dos economistas occidentais non son as únicas. Sebastião Banganga sostén que a crise financeira mundial, que tivo a súa xénese nos EUA, xa se está controlando e pode ser un mal recordo en 24 meses