Suso Lista gravou xa con Omar Rabuñal media ducia de curtas da parella de mariñeiros. Ademais, vén de participar en 'Celda 211'.
"Quería preguntarche, Suso, polas últimas cousas que estiveches facendo, en que andas agora?". "Pois veño do dentista". Suso Lista actor, Suso Lista percebeiro, Suso Lista locutor de radio, Suso Lista escritor e blogueiro. Non para, e entre os seus últimos proxectos están un papel no filme Celda 211, que se acabou de rodar esta semana, ademais dalgunha curta, como Da man da raíña vermella e de xeito moi especial a serie Para mariñeiros, nós, a serie de curtas que realiza xunto con Omar Rabuñal.
Trátase dunha serie de pezas, con historias sinxelas de dous mariñeiros, Pinto e Cobiñas, que están colgando en youtube. Polo de agora pódense ver cinco destas curtas (A morte ten un prezo, Botellón, Matreros de Medianuite, Por que chove, A crise da pesca), aínda que Rabuñal e Lista teñen ao redor de setenta guións escritos. Nun comezo estas pezas ían formar parte dun late night show realizado por Antón Reixa, pero o proxecto non foi adiante, así que decidiron darlles saída a través da rede, "antes de youtube estas cousas quedaban nun caixón; e unha ferramenta moi boa para darlles saída ás creacións da xente", di Suso Lista. Algunha das curtas de 'Para mariñeiros, nós' superan as catro mil visualizacións.
En paralelo, Lista e Rabuñal teñen un proxecto, que lles van ofrecer aos concellos, de rodar estas curtas en distintos lugares, con figurantes de cada lugar. "Isto sería unha actividade cultural máis", di Suso Lista, "e ademais a vila quedaría inmortalizada na curta e podería verse por aí".
Blog e radio
A rede. Suso Lista escribe dende hai case catro anos un blog, definido como "espazo emocional e literario" no que vai publicando breves relatos, sempre coa temática mariñeira do ex percebeiro. "Cando escribo é como mellor me sinto", di, "é unha evasión". Os seus relatos, moi afagados por Manuel Lourenzo, Manuel Rivas ou Alfredo Conde, aínda non foron publicados en papel, a pesar de que Laiovento amosara o seu interese hai uns meses. Suso Lista tamén mantén o seu programa de radio en Radio Roncudo, no que conta historias e fai entrevistas. Di que a persoa á que máis lle gustaría levar ao programa sería a Manuel Rivas. E se tivese que elixir entre deixar a radio ou o blog? "Deixaba a radio, sen dubidalo", conclúe Suso, susolista.blogspot.com.