A versión máis popular de Linux estre este xoves unha nova versión, Intrepid Ibex, con máis compatibilidade con dispositivos.
Cando acaba de saír a nova versión de Ubuntu, o fundador do proxecto e xefe executivo de Canonical, Mark Shuttleworth, asegurou que está disposto a financiar o sistema operativo cos seus cartos. Ubuntu 8.10, Intrepid Ibex, publicouse este xoves 30 de outubro.
Shuttleworth, multimillonario coñecido por ser o segundo turista espacial, afirmou que non ten medo a gastar o diñeiro por unha boa causa. Fundou Canonical, compañía que lle presta apoio a Ubuntu, no ano 2004, grazas aos cartos que gañou por vender a compañía surafricana de certificados dixitais Thawte a VeriSign en 1999.
O responsábel de Canonical recoñeceu que a empresa, con máis de 200 empregados, non tivo resultados económicos positivos, pero anunciou que a seguirá a financiar durante os próximos tres ou cinco anos.
Shuttleworth estima que Ubuntu ten arredor de oito millóns de usuarios en todo o mundo. Pero non hai cifras exactas, pois esta variante de Linux non conta cun sistema 'espía' que conte o número de instalacións que se fan.
A última versión de Ubuntu ten o nome chave de Intrepid Ibex, ou versión 8.10. A distribución, como cada seis meses, chega con novidades e actualizacións. Desta volta destaca a detección automática de máis tarxetas wi-fi ou a inclusión do escritorio KDE4 na distribución irmá, Kubuntu.