Ademais da indiferenza de Madrid, que preferiu presentarlle á lista da Unesco para o patrimonio inmaterial as iniciativas do sur peninsular, o goberno luso dálle tamén as costas ao proxecto de Ponte nas Ondas.
"Ignorancia" e "descoñecemento". Son cualificativos empregados polos promotores da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués para referírense á actitude da administración portuguesa ao respecto do proxecto. Malia que a iniciativa parecía avanzar con firmeza en Portugal, onde en principio espertou un interese que non conmovera en Xunta e goberno español, a realidade tornouse diferente á hora de estabelecer compromisos concretos.
O informe "técnico" encargado por Lisboa e realizado polo Instituto de Museus e Conservação (IMC), ofrece paradoxais conclusións, como é a cualificación de "invento" da UE que se lle adica á Eurorrexión, opinando os redactores deste documento que o vencello de Galiza e o Norte de Portugal é estritamente económico e ignorando calquera tipo de relación social e cultural entre as dúas beiras do Miño. As conclusións foron criticadas este martes no Porto nunha conferencia de prensa convocada pola asociación Ponte nas Ondas.
"Desprezo" á Eurorrexión
Trátase dun texto que chega despois dos constantes atrancos postos polo executivo luso para conceder o seu apoio á candidatura galego-portuguesa. Diante das escusas técnicas inicialmente argumentadas, o colectivo promotor, Ponte nas Ondas, esixira un pronunciamento por escrito, co compromiso de modificar o proxecto atendendo ás recomendacións que realizasen os expertos escollidos polo executivo. Porén, o documento requirido hai meses foi enviado apenas cinco días antes de que pechase o prazo para a presentación formal da candidatura diante da Unesco.
Fronte ás incorreccións do documento, Lurdes Carita, voceira de Ponte nas Ondas, subliña que é evidente que non se trata dun informe técnico, senón dun texto con motivacións políticas que tiña o obxectivo de "desmotivar a candidatura". A mesma reflexión que apunta Santiago Veloso, presidente da comisión promotora. Veloso comenta tamén que o proceder lisboeta causou malestar especialmente nas escolas portuguesas implicadas no norte do país, que contaban ademais co aval oficial das resolucións asinadas unanimemente por diversos municipios da zona. Outra das argumentacións usadas pola administración portuguesa ten que ver co exceso de "amplitude" e "ambición" que lle atribúen á candidatura. Ponte nas Ondas convocou unha conferencia de prensa en Compostela para o próximo venres (12h no Museo do Pobo) onde se debullará o traballo realizado até o de agora e presentaranse novos e ambiciosos proxectos para o futuro no ámbito da relación entre Galiza e o Norte de Portugal.
Os ministros galegos optan pola "dieta mediterránea" para a Unesco
O goberno español rexeitou a proposta galega malia que o propio Congreso aprobara en decembro pasado unha proposta achegada polo BNG na que se instaba ao executivo estatal a presentarlle á Unesco a candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas a Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
Así, a dieta mediterránea aparece como protagonista absoluto da iniciativa do goberno español. A prol do proxecto turraron os ministerios de Cultura, co coruñés César Antonio Molina á fronte, e o de Medio Rural e Medio Ambiente, departamento liderado pola ourensá Elena Espinosa. Ao fío, o goberno español recibiu mesmo o apoio do executivo portugués no Consello Europeo. Ademais, Madrid inclúe outras dúas candidaturas: a dos Asubíos da illa de La Gomera, e a do "Tribunal de las Aguas de Valencia" e o "Consello de Hombres Buenos de Murcia".
En total, a Unesco fará peneira entre un total de 112 candidaturas para a súa inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial, chegadas desde 35 estados diferentes. Por desgracia, non estará entre elas a candidatura galego-portuguesa, malia que a institución internacional lle recomendara ao Estado español que a presentara, subliñando a calidade do proxecto. Unha recomendación que se encargara de lembrarlle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o propio director xeral da Unesco, Koichiro Maatsura, durante a visita do presidente galego a París o pasado mes de abril.