O secretario xeral popular, Afonso Rueda, asegura que gastou o que tiña asignado para 2008, e agora bota man dunha partida chamada 'Outros'.
O PPdeG criticou os gastos de Touriño
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, acusou este martes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de gastar 1,1 millóns de euros "en pinchos, festas e actos protocolarios" nun momento en que Galiza "está a padecer os efectos da crise económica".
O dirixente popular recordou que nos Orzamentos para 2008 se reservou unha partida para gastos de representación e protocolo da Presidencia de case 600 mil euros, "un 20% máis do que tiña nese concepto o presidente do Goberno anterior".
Porén, os datos de execución do segundo trimestre facilitados pola Xunta reflicten, segundo informou Rueda, que Touriño xa consumiu o 100% deses cartos a 30 de xuño de 2008. "É dicir, gastou en seis meses unha cantidade que debía darlle para todo un ano", declarou o popular.
'Outros'
Unha vez esgotado este diñeiro, proseguiu Rueda, agora Touriño xa está a gastar os doutra partida xenérica chamada Outros, que conta con 590 mil euros, e da que xa gastara nos seis primeiros meses do ano un 47%.
Por último, o secretario xeral do PPdeG destacou que "mentres o presidente lanza proclamas de austeridade nos medios de comunicación, permite que os membros dos seus departamentos -os seus secretarios xerais- copien as súas prácticas e gasten outros 400 mil euros desa partida de Outros", e "os cidadáns apertan o cinto".