Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ADVÍRTEO A COMISIÓN EUROPEA

Usar o MP3 pode causar xordeira

Utilizar o reprodutor de música máis dunha hora ao día cada semana durante alomenos cinco anos pode provocar unha perda irreversible de audición. Así o afirma o Comité Científico dos Riscos Sanitarios Emerxentes e Recentemente Identificados.

Redacción - 13:19 14/10/2008
Os riscos derivados do abuso do mp3

Os riscos derivados do abuso do mp3

Malia que na Unión Europea o volume dos reproductores está limitado por lei a un máximo de 100 decibelios, non semella que isto sexa suficiente para protexer os oídos dos seus usuarios.

E é que o Comité Científico dos Riscos Sanitarios Emerxentes e Recentemente Identificados realizou un informe encargado pola Comisión Europea do que se extraen conclusións como que escoitar música a 89 decibelios durante cinco horas á sema pode carrexar perda de audición.

Ademais, o informe afirma que a ese nivel de escoita, estaríanse superando os límites de ruído autorizados nos lugares de traballo.

A comisaria europea de consumo, Meglena Kuneva, mostrouse especialmente preocupada pola gran cantidade e frecuencia con que os máis novos utilizan estes reprodutores de música e que poden estar a provocarse, sen sabelo, danos irreparables na súa capacidade auditiva.

O informe do Comité Científico dos Riscos Sanitarios Emerxentes e Recentemente Identificados sostén tamén que en a penas dúas décadas triplicouse a contaminación sonora á que están expostos os mozos nas súas actividades de ocio (xusto ao tempo en que se incrementaba o uso de reprodutores mp3 e móbiles con estas funcións).

Segundo o presidente da Comisión de Otoloxía española, Antolí Candela, os mozos están sometidos a sons excesivamente intensos dos que non son conscientes porque ao levar os casos perden as referencias externas e non se decatan do volume ao que están a usar o aparato.

Candela sinala tamén que o límite dos 100 decibelios é excesivo, posto que superar os 60 decibelios durante máis dunha hora, sen interrupción, é un risco para un tipo de lesión que, ademais, non ten cura.

A súa proposta para acabar con estes problemas é revisar a normativa do límite de volume e instalar nos reprodutores un sistema que permita ao usuario ver a que ruído está a someter aos seus oídos en cada momento.

FWWWRANDO


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: