Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fraga entra tamén na polémica

Rueda di que se "malinterpreta" o estalicón de orellas do PP á dirección galega

A xuntanza de parlamentarios estatais do PP en Galiza e a presión da prensa conservadora española enlean as declaracións cruzadas desde o partido.

Redacción - 14:00 10/10/2008

"Non houbo absolutamente ningunha presión e intentamos ser coherentes en todo momento, pois a resolución fala de todas as vítimas por primeira vez". Así trataba de xustificar este venres o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, a polémica aberta coa dirección do partido en Madrid, despois de que os populares galegos asinasen conxuntamente con PSdeG e BNG durante o debate do estado da nación unha resolución de condena do franquismo.



O día anterior, o vicesecretario de Comunicación do PP, Esteban González Pons, aseguráballes aos medios de comunicación madrileños que o PP galego se vira "forzado" a apoiar unha proposta que definiu como "algo confusa" presentada por socialistas e nacionalistas. De paso, González Pons dixo non crer que "a estas alturas a condena ou non do franquismo quite votos".



O PPdeG xa reaccionara durante a mañá do xoves fronte ao estalicón de orellas da dirección en Madrid do partido e a propia presión dos medios de comunicación próximos ao PP. Así, o PPdeG emitía unha nota de prensa cun titular que facía referencia á intención do presidente do partido, Alberto Núñez Feijoo, de priorizar a derrogación do decreto do galego do ensino se consegue a vitoria nas próximas eleccións. Unha aclaración que chegaba ademais na véspera da xuntanza este venres en Galiza da interparlamentaria do PP.



Sobre a polémica falou tamén o ex presidente Manuel Fraga, quen despois de ver na prensa as declaracións de González Pons, opinaba que o PP non pode verse "forzado a nada". "Nós en conciencia defenderemos o que teñamos que defender, e polo tanto, non estou disposto a que nos vexamos forzados a nada", engadiu.


2/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: