David C. Kernell, de 20 anos, é fillo dun parlamentario demócrata de Tennessee que asegurou non ter nada que ver co asunto.
David C. Kernell, un estudante estadounidense de 20 anos, enfróntase a unha pena máxima de cinco anos de prisión e unha multa de 250 mil dólares por ter presuntamente accedido a unha conta privada de correo electrónico da candidata a vicepresidenta dos EUA Sarah Palin e facer públicos os seus contidos. Dáse a circunstancia, ademais, de que Kernell é fillo dun lexislador demócrata do estado de Tennessee.
O xuízo está fixado para o 16 de decembro. Até entón, o mozo está en liberdade sen fianza, aínda que ten prohibido acceder á internet agás para comprobar o seu correo e facer traballos académicos da carreira de Económicas que estuda na Universidade de Tennessee. Foi posto a disposición xudicial con esposas e grillóns.
O pai do acusado, Mike Kernell, asegurou que non ten nada que ver co incidente. Segundo a fiscalía, David accedeu á conta gov.palin@yahoo.com o 16 de setembro explotando o mecanismo de recuperación de contrasinais de Yahoo. Despois leu os contidos, fixo capturas de pantalla e publicounas na web 4chan.