Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTUDO DE MpDC

A metade da poboación cre que os xuíces favorecen ás forzas de seguridade fronte ao cidadán

Un informe elaborado por unha consultora revela que o 60% dos galegos considera as cargas policiais desproporcionadas e inxustas.

Redacción - 14:00 03/10/2008

As actuacións policiais nos actos de protesta social están mal consideradas pola meirande parte dos galegos. Así se desprende dun estudo que vén de encargar o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) que se recolle baixo o título "Relación entre a cidadanía e forzas de seguridade". Esta relación non semella ser boa á luz dos resultados desta enquisa elaborada por unha consultora: seis de cada dez galegos considera as cargas desproporcionadas e inxustas. Ademais, segundo revela este informe, o 37,2% das persoas consultadas cre que en ocasións os axentes "se poñen nerviosos e se lles vai a man", mentres que o 21,9% estima que a policía acostuma a "abusar da forza nas cargas policiais". Mentres, o 32,4% opina que estas cargas si están xustificadas "practicamente sempre".

Accións xudiciais
Outra das cuestións que formula a enquisa é a imparcialidade dos xuíces perante unha denuncia dun cidadán contra as forzas de seguridade. O 53,8% dos galegos considera que os maxistrados non tratan do mesmo xeito a ambas partes, senón que tenden a favorecer aos axentes; o 30,3% pensa que a xustiza outorga o mesmo trato a uns e a outros; e o 1,5% cre que os xuíces favorecen aos cidadáns en prexuízo dos axentes. Destaca a opinión da poboación de ámbito rural que é aínda máis incrédula coa obxectividade xudicial (chega até o 60%).

Axencia independente que vixíe os vixiantes
Dous de cada tres galegos serían partidarios de crear un estamento que vele pola legalidade das accións policiais, é dicir, que controlen as súas actuacións para que estas non incorran en inxustizas e desproporcións. Sería unha medida de choque para evitar o abuso de autoridade, xa que o 18,5% dos entrevistados aseguraron ser vítimas ou coñecer a alguén que sufriu trato descortés ou abuso de autoridade. A este dato engádese que o 56,9% que considera que os axentes manipulan os informes axustándoos aos seus propios intereses. Pola contra, o 30,6% cre que as forzas de seguridade sempre actúan de xeito correcto e son imparciais nos seus informes.

Na mesma liña de control, nove de cada dez enquisados opina que se deberían instalar cámaras nas dependencias policiais, ao entender que evitaría prácticas irregulares e garantiría o respecto aos dereitos dos cidadáns.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: