A Consellaría de Industria considera que a crise económica influiu na baixada de visitas.
O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, advertiu este venres que hai un parón nos datos do sector turístico no oito primeiros meses do ano. Con respecto a 2007, entre xaneiro e agosto deste ano o número de visitantes descendeu un 0,78%. Consciente de que os resultados son mellorábeis, Blanco avogou por facer un esforzo na promoción para igualar as cifras cara final de ano.
Nos oito primeiros meses de 2008 chegaron a Galiza 3.962.005 persoas, nun ano marcado polo contexto da crise económica. En total, máis de 2,5 millóns dos viaxeiros buscaron aloxamento en hoteis. O turismo rural sufriu un retroceso de case un punto e o de campings máis de seis.
En canto á procedencia dos turistas, o 52% chegaron dende diferentes lugares do Estado Español. Por comunidades, Madrid, Valencia, Cataluña e Euskadi son as que máis visitantes xeraron. Dos que o fixeron dende fóra a maioría eran italianos, alemáns e franceses. A Xunta calcula que o gasto medio ronda os 25 euros por día.