Estévez e Lama defenden as súas posturas, ao tempo que os autores máis novos reflexionan sobre os cambios que Internet abre na literatura.
"Concorrer a un premio deste xeito é concorrer coas cartas marcadas". Un día despois de facerse público que a súa impugnación ao premio de poesía González Garcés, Xavier Lama mantense firme na súa postura, e considera que o feito de que Eduardo Estévez publicase, co seu nome e co mesmo título, algúns dos textos cos que despois gañou o premio converte a obra presentada en 'non inédita', incumprindo ademais o necesario anonimato dos aspirantes a facerse do galardón. Pola súa banda, Eduardo Estévez afirma que "o xurado actuou con boa fe, non coñecía o blog e non rexeitou o libro" e ademais cre que "as decisións do xurado deberían ser inapelábeis". Estévez critica ademais que Xavier Lama "actuou con pouca elegancia" e que "só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido".
Días despois do anuncio de que o xurado anunciase o gañador, Lama puxo en mans do xurado a documentación referente ao blog de Estévez, no que o poeta fora publicando o proceso de creación do poemario, "coñecía perfectamente o blog, porque naquel momento estaba facendo unha investigación sobre webs e blogs de poesía", dixo en declaracións ao Diario Cultural da Radio Galega. Iso si, ambos os dous coinciden en que se abre un debate interesante sobre os novos formatos e soportes da literatura, a influencia da rede, e as súas consecuencias nos certames literarios.
Un texto nun blog é un texto editado?
Autores como Mario Regueira, Antía Otero, Marcos S. Calveiro ou Francisco Castro concordan con Estévez e tamén con Miro Villar, Fran Alonso ou Fernán Vello, que elaboraron senllos informes técnicos avalando o carácter inédito da obra. Calveiro é, ademais, especialmente crítico coa actitude de Xavier Lama e cre que non se debe gañar nunha impugnación o que non se puido gañar coa obra literaria: "mira que perdín eu premios e nunca protestei", di. Eli Rios apunta mesmo a un choque xeracional: "asistimos, mais unha vez, a unha vella reclamación da denominada xeración dos noventa: a renovación das formas, dos contidos, e novos espazos para a poesía. E asistimos, mais unha vez, á oposición dos centros literarios que temen morrer a mans dos fillos".
O difícil anonimato
Un tema máis discutíbel pode ser o do anonimato. Para Mario Regueira, "consideralo como un libro editado creo que é un grande erro e que senta un precedente moi negativo; o caso de Eduardo trátase dun blogue, nen sequera dun libro dixital". Porén, Regueira engade: "se cadra sexa máis problemático o caso de consideralo un libro anónimo: sería doado para claquera persoa do xurado saber de quen era ese libro". Así e todo, concede que "iso non é unha novidade no sistema literario galego, non é o primeiro caso dun libro que gaña un premio tendo algún dos poemas na rede, en revistas, ou sendo recitados moitas veces; polo demais resulta igual de doado recoñecer o estilo dalgún autores que xa levan moito publicado".
Tamén pensa do mesmo xeito Marcos S. Calveiro: "O 'González Garcés' e o resto dos premios que hai en Galicia non son o Planeta, non hai 500 orixinais. Aquí todos coñecen o estilo de moitos dos autores que se presentan, e sobre todo as persoas que integran os xurados". E a este respecto, Eduardo Estévez recorda que "o ano que quedei finalista do premio, que finalmente gañou Ramiro Fonte, un dos poemas de Ramiro xa o coñecia, porque o lera nun encontro de escritores, no que ademais estaban presentes moitos dos membros do xurado".
Os blogs e os premios literarios
"A rede revoluciona todo", di Francisco Castro. Tamén a literatura e os premios literarios: "Van ter que revisar as bases de todos os concursos literarios", di Antía Otero, e nisto coincide co resto dos autores consultados. "Vou ter que ter coidado co que escribo no blog", di Calveiro, que engade unha reflexión: "Non son xa os poemas ou textos que publiques, senón tan só se escribes que se che ocorreu unha idea para un libro ou así, pódenche impugnar un premio por incumprir o anonimato. E dá igual que o borres, mira que se alguén mira a cache de google, ou gardou as páxinas do blog, ou presentan a declaración xurada de catro persoas que aseguren que viron o texto no blog, pódenche retirar un premio". Movémonos pois, nun escenario novo, fronteirizo e moi ambiguo, e non recollido nas bases de case ningún premio literario do país. Calveiro é moi crítico: "Que queren, que non publiquemos blogs? Que non falemos dos procesos de creación? Que sexamos uns kafka ou uns pessoa, pechados na casa todo o día, escribindo".