Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 13 AO 17 DE OUTUBRO EN COMPOSTELA

A Feira das Artes Escénicas, onde a cultura se compra e se vende

Ademais de constituír un escaparate comercial para as compañías galegas, a feira ofecerá 25 espectáculos abertos ao público.

Redacción - 13:15 18/09/2008

O obxectivo da Feira é funcionar como un mercado, un punto de encontro entre creadores e programadores, distribuidores e outros axentes culturais, un escaparate para a produción escénica galega. Unha das principais novidades desta edición é a concentración de gran parte da actividade nun único espazo, o Auditorio de Galicia, que acollerá a oficina de coordinación, os stands de empresas escénicas, as mesas de debate, un dos escenarios de exhibición (Sala Mozart) e o restaurante. Este cambio de sede busca conseguir unha maior e mellor comunicación entre todos os participantes, ao tempo que se facilita o seu traballo durante as cinco intensas xornadas de Feira.

Nesta edición avánzase ademais no programa de bonificacións ao que se poden adherir as diferentes entidades que contraten espectáculos de compañías galegas, e que se estende á contratación de espectáculos de compañías galegas, amosen ou non os seus espectáculos na Feira, para a súa exhibición fóra da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2009.

Ademais do Auditorio, as salas ARTeria Zona Noroeste, Salón Teatro, Sala Nasa, Teatro Principal e Sala Galán serán os espazos nos que se desenvolverán as actividades. Alén do obxectivo de se constituír en mercado e escaparate para dar a coñecer as empresas artísticas galegas, a feira proxecta un total de 25 representacións, das que 20 serán de compañías galegas, 3 de fala portuguesa e 2 chegadas de Euscadi, comunidade autónoma convidada nesta ocasión.

Entre os galegos estarán, entre outros, Berrobambán, Cachuzo, Lagarta Lagarta, Matarile, Ningures Produccións, Sarabela Teatro, Talía Teatro, Nova Galega de Danza ou Teatro do Noroeste. De Portugal chega Trigo Limpo Teatro Acert, Companhia do Chapitô e Peripecia, e de Euskadi Marie de Jongh e Kukai-Tanttaka. Podes consultar aquí a listaxe completa de participantes.

A Feira vén celebrándose sen interrupcións dende 1997 cando Compostela acolleu a Feira do Teatro de Galicia, ocupando o espazo deixado por Ourense, onde se celebrara en 1993 a última edición da Feira. A partir de 2006 o evento mudou o seu nome polo actual Feira das Artes Escénicas. Na edición de 2007 a feira intesificou o seu obxectivo comercial habilitando na Fundación Torrente Ballester un espazo de mercado cunha quincena de stands de empresas escénicas, unha área de traballo para os profesionais, unha mesa de contratación e outras actividades destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: