Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PAN E LETRAS NA FEIRA LITERARIA DE BERGANTIÑOS

En Carballo os libros alimentan

Entre o xoves 21 e o domingo 24 pasarán pola vila presentacións de obras, concertos, contacontos e exposicións.

Redacción - 10:00 20/08/2008

Ir alén dos libros e das habituais presentacións e sinaturas de libros. A Feira Literaria de Carballo busca a variedade e o espectáculo para atraer a atención dos habitantes da comarca. E busca tamén ligar as letras e o pan, unha das grandes riquezas de Carballo e de todo Bergantiños. Así, no xardín municipal da vila haberá concertos, contacontos e teatro, ademais de exposicións. E o domingo, todos aqueles que merquen un libro recibirán de balde un Pan de Carballo. Pode ser unha resposta para todos aqueles que reclamaban iniciativas orixinais e combinadas para revitalizar as feiras galegas do libro, que veñen atravesando unha notábel crise de visibilidade social.

A inauguración terá lugar o xoves á unha do mediodía, actuando Lino Braxe como pregoeiro. O venres haberá teatro co espectáculo Conta e canta, da compañía Contos das Estacións, que precederá ao concerto de Nordestin@s. O sábado, o poeta Juan Carballo e o músico Moncho Núñez chegarán con A casa do poeta, unha furgoneta volkswagen de 1981, núcleo da súa performace poético-musical que recupera as tradicións trobadorescas para levar a cultura "ao lugar que lle corresponde, as rúas e as prazas". O domingo Pepa Yáñez & Davide Salvado + Madamme Cell presentarán o seu espectáculo a dúas voces con bases electrónicas, O negro vai con todo, xusto antes de que a Feira remate cun concerto de Brath.

En canto ás presentacións, O xoves 21 estarán na feira a carballesa Margarita Barral (Montero Ríos e Compostela) e Rafael Lema (U-49) e o venres 22 será a quenda do tamén carballés Fernando Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia). O sábado 23 ás 19h José Antonio Andrade presentará o seu novo libro, o autoeditado Reválida de sexto; e ás 20h Alberto Lema fará o mesmo con Unha puta percorre Europa. Finalmente, o domingo 24 ás 20h Camilo Nogueira presentará os seus dous últimos libros, Galiza na Unión e Europa, o continente pensado.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: