Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Volta ao século XIX", di o senador

Fraga cualifica de "intolerábel" a declaración BIC do Pazo de Meirás

De paso que cargaba contra a Lei de Memoria Histórica, o ex presidente da Xunta definiu de "vergonzosa" a cualificación de ben de interese cultural do Pazo ocupado polos herdeiros de Franco.

Redacción - 09:30 18/08/2008

"Hai que andar con moito coidado con isto, porque se pode crear un sistema de odios", comentou Manuel Fraga preguntado pola nova lexislación ao respecto da memoria histórica, un proceso que na súa opinión é unha "volta ao século XIX, ás vinganzas e destrucións". Ao tempo, e durante a mesma entrevista concedida á Radio Nacional Española (RNE), definiu como "vergonzosa" e "intolerábel" a declaración como ben de interese cultural do Pazo de Meirás. Así e todo, concedeu como "apropiada" a mudanza de nome do que foi até hai pouco Hospital Juan Canalejo e que pasou a ser Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. "Canalejo non tiña nada que ver coa sanidade", afirmou.

O ex presidente da Xunta falou durante a entrevista doutros temas, como foi o posíbel adiantamento da data das eleccións, cuestión sobre a que opinou que todo adianto é "sempre sospeitoso" sen pronunciarse máis en profundidade sobre a cuestión. Ao fío, dixo ver posibilidades de entendemento entre PP e BNG "até certo punto". Unha sintonía posíbel que comparou coa relación mantida polo PP no seu tempo con CiU e PNV, opinando que o ex presidente do goberno español, José María Aznar, aproveitou aquela conxuntura para "facer na súa peor lexislatura unha boa política". Nesa liña, falou Fraga a prol de que o seu partido aproveite de xeito "lícito" todas as actuacións que impliquen "servir a Galiza un pouco menos mal".

Por outra parte, o ex presidente rexeitou afondar en valoracións sobre as recentes conclusións do informe do Consello de Contas sobre o exercicio 2005. Ao respecto das irregularidades detectadas polo ente fiscalizador nesa última etapa do goberno que el mesmo liderou, Fraga desafiou a "probar" que as actuacións mencionadas fosen ilegais.


1,5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: