Contra a "preocupante inversión da realidade" promovida "desde Madrid", asinan entre outros Avelino Pousa Antelo, Uxía Senlle, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Manolo Rivas.
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer público un novo documento, presentado como "Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego". O obxectivo é facer visible a opinión de moitos galegos, que queren reivindicar o seu dereito a empregar a lingua propia e que esta sexa oficial a todos os efectos. O Presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñou que esta é unha campaña en positivo, que non se organiza en contra de ninguén e que pretende sumar os máximos apoios posibles. A posibilidade de incluírse na listaxe de asinantes quedará aberta a través da páxina web da organización.
Manifesto da convivencia
O documento está articulado en seis puntos que queren chamar a atención da sociedade galega. No primeiro reivindica o dereito dos galegos a empregar a súa lingua propia e que esta sexa oficial a todos os efectos; no segundo, pon o acento en que son os falantes do galego os que resultan discriminados en Galiza; no terceiro, cualifica de preocupante a campaña impulsada dende Madrid co apoio de importantes medios de comunicación; no cuarto, censura a actitude de aqueles que negan a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado Español; no quinto defende que é ao pobo galego a quen lle corresponde definir a súa política lingüística; e no sexto, alerta á sociedade galega para non se deixar confundir sobre a verdadeira situación do noso idioma.
Asinantes
Na presentación estiveron presentes coñecidos persoeiros de diferentes ámbitos da sociedade galega. O presentador de televisión, Xosé Manuel Piñeiro, foi o encargado de facer a lectura do manifesto, que tamén foi apoiado presencialmente por Avelino Pousa Antelo, Xoan Costa, Benigno Pereira, Ignacio Vilar, Jorge Mira, Iolanda Castaño, Cesareo Sánchez Iglesias ou Xosé Lastra Muruais.
Tamén prestan o seu apoio Alfonso G. Sanmartín, Ana Kiro, Bernardino Graña, Carlos Blanco, César Portela, Lois González Tosar, Manolo Rivas, Mercedes Peón, Teresa Moure, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xulia Vaqueiro, entre outros.