Medalla de ouro da Royal Geographical Society, 'Heroe do ano' para a ONU, en 2001, ... o explorador brasileiro defende o dereito dos indíxenas non contactados a permaneceren illados.
Possuelo liderou centos de expedicións
O explorador e etnógrafo brasileiro Sydney Possuelo participou esta quinta feira en Revela 08, en Oleiros, onde impartiu a conferencia Indíxenas e o Medio Ambiente. Possuelo analizou a situación dos últimos pobos indíxenas non contactados na Amazonía, especialmente dos localizados na zona occidental do Brasil, e defendeu o dereito destes a permaneceren illados.
Possuelo (São Paulo, 1940) está considerado a maior eminencia mundial no coñecemento destes pobos. Durante anos liderou centos de expedicións a través da selva do Amazonas e logrou contactar con nove tribos, até daquelas, descoñecidas.
O seu labor como director do Departamento de Índios Isolados no Funai (Fundação Nacional do Índio) foi premiado con diversos galardóns (en só dous anos conseguiu que se dobrase a superficie reservada aos indíxenas), entre outros a medalla de ouro da Royal Geographical Society e o 'Bartolomé de las Casas' de National Geographic Society. Tamén foi recoñecido como 'Heroe do Planeta' por Time for Kids Magazine, e 'Heroe do ano' 2001, pola ONU.
Vieiros: Cales son os principais problemas que afrontan hoxe en día os indíxenas da Amazonía?
Sydney Possuelo: Son case os mesmos que tiñan en 1492. Pouco cambiou a súa situación. Mudaron as formas, mais seguen a ser fundamentalmente tres: a demarcación das súas terras; os que teñen que ver coa saúde; e tamén a cuestión dos dereitos humanos, que por seren distintos a nós non son respectados.
Vostede é un firme defensor de que os pobos indíxenas illados permanezan deste xeito, que non contacten cos 'brancos'. Por que?
Porque eles queren permanecer illados. Son un pequeno grupo de indíxenas que están en núcleos da Amazonía, e que subsisten sen ter relación ningunha coa nosa sociedade dende o Descubrimento (de América) até o día de hoxe. Aínda que se enfrontaron moitas veces, non coñecen a nosa sociedade. Viven nus, da pesca e da caza. E eu traballo a prol de que permanezan como queren, illados. É unha política que introducín na Funai (Fundação Nacional do Índio), que simplemente se basea no respecto ao dereito que teñen de estaren illados.
Que políticas debería levar a cabo o goberno do Brasil para conseguir a supervivencia dos indíxenas?
Que o Estado brasileiro demarque e defenda as súas terras. Esta é a principal condición, a terra. E a ausencia de madeireiros, garimpeiros (minaría), seringueiros (caucho), ... que eses movementos económicos non se acheguen a eles porque os danan completamente, e ao final morren por doenzas e outras cousas.
Estase a ir polo camiño correcto no seu país? E no caso do Perú? (o presidente Alán García dubidou publicamente da existencia de pobos illados)
A situación en Brasil é moi mala, mais no Perú é peor aínda. Falo da situación dos indíxenas en xeral. A dos pobos illados é mellor no Brasil ca no Perú, porque hai moitas máis invasións por parte das madeireiras, que están a matar os indíxenas.
Cantos pobos illados calcula que existen actualmente?
No Brasil temos información de 42 puntos onde poden existir pobos illados, non tribos. Destes 42 confirmamos a existencia de 22. Polo tanto, hai vinte puntos máis que supoñen moitos anos máis de expedicións.
En 1996, encabezou unha expedición que conseguiu contactar por vez primeira de forma pacífica coa tribo dos Korubo ou 'caceteiros'. Sabemos como viven eles, mais saben eles como vivimos nós? Teñen consciencia da existencia dos 'brancos'?
Os Korubo foron o último grupo indíxena atopado no Brasil. Saben que existen os 'brancos', polas loitas que historicamente mantiveron e as agresións que sufriron. O que non saben é a extensión da nosa sociedade; non saben que nós somos millóns de persoas. O máximo que imaxinan é que somos unha aldea con algunhas casas máis ca eles, que somos moitos. Mais o seu moitos é un pouco máis do que eles son, porque o seu universo é moi pequeno.
Cando algún indíxena vai por primeira vez a unha das nosas cidades e ve unha praza con dúas mil ou tres mil persoas -que non é nada para nós- pensa que é fantástica unha concentración tan grande. E non saben que somos unha forza de 182 millóns de persoas (poboación do Brasil). Non poden dimensionar o tamaño da desgraza que somos nós contra eles!
É vostede optimista de cara ao futuro destes pobos?
Co que está a pasar hoxe no Brasil e no mundo, cunha sociedade individualista onde os valores sociais están cada día máis perdidos... O agro-negocio expándese cada día máis; e cada día máis as facendas de gandaría son maiores e destrúense máis árbores na Amazonía. Non son boas perspectivas. Nós que nos chamamos civilizados pensamos que é bo simplemente por gañarmos máis cartos. Sempre que hai unha disputa entre interese económica e social, gaña a económica. Vexo con moita preocupación o futuro dos indios, dos illados, dos non illados, e tamén o noso.