Segundo un decálogo de comportamento durante os XXOO que presentaron as autoridades chinesas.
A carencia de liberdades e dereitos que hai tempo, segundo as denuncias de varias organizacións internacionais, está a sufrir a cidadanía chinesa trasládase agora a todos aqueles espectadores, milleiros, que visiten os Xogos Olímpicos de Beixín.
Agora, ás recompensas polas informacións sobre posíbeis ataques terroristas, a blindaxe das comunicacións na capital ou a prohibición da carne de can nos restaurantes súmase un novo paquete de normas e prohibicións que fixo publico o Comité Organizador de Beixín 2008 (Bocog). Estas normas de obrigado cumprimento buscan controlar todo o que acontece nos estadios, nas pistas ou nos campos de regatas.
Unhas 26 normas de obrigado cumprimento
Na longa listaxe de prohibicións contémplase que non se vai permitir aos asistentes ás probas exhibir bandeiras de países ou nacións que non participen nas Olimpíadas. Esta medida está orientada a frear as reivindicacións do pobo tibetano, mais tamén afecta, por exemplo, aos espectadores cataláns, galegos ou vascos que queiran levar as súas propias enseñas para apoiar os seus deportistas.
Cando Gómez Noya ou Raña corran os últimos metros, ou Cal dea a última pancada á auga co seu remo, ou Sandra Aguilar estea chegando á meta, por exemplo, os seus seguidores, que percorreron medio mundo para os ver, non poderán erguer a bandeira galega, porque a oficial, nestes Xogos, só vai ser a do Estado Español.
Estas normas, que sorprenderon polo seu contido político e social, débense axeitar tamén ás estritas leis chinesas. Segundo a nova normativa, por exemplo, "está totalmente prohibido increpar os árbitros, xuíces ou atletas" ou facer apostas, manifestacións ou concentracións, ir ebrio, espirse, levar instrumentos musicais ou mistos...
Tampouco se poderán levar pancartas de máis de 2 metros cadrados e, obviamente, está estritamente prohibido amosar carteis que fagan referencia ás liberdades políticas e relixiosas chinesas ou á situación dos Dereitos Humanos na China.