A lenda de Breogán e do nacemento da cidade han ser interpretadas ao pé do faro durante este mes de xullo.
No percorrido han ser interpretadas as lendas da cidade
Para pasar a formar parte do Patrimonio da Humanidade, a UNESCO exixe que os candidatos concorran en dúas características sine qua non: universalidade e excepcionalidade. A Torre de Hércules é o único faro romano do mundo que aínda permanece en funcionamento e segue a desempeñar a mesma tarefa para a que foi creado.
A UNESCO vai avaliar todas as candidaturas e tomar unha decisión en xullo de 2009, e con motivo de promover a candidatura do noso faro, diferentes asociacións e organismos están a idear iniciativas como este percorrido teatral.
Alumnas e alumnos do obradoiro de emprego Ágora, dependente da Concellaría de Promoción Económica e Emprego e a de Igualdade e Participación Cidadá idearon e deseñaron este proxecto. Trátase dun percorrido de corenta e cinco minutos polos campos da Torre, como unha visita guiada a xeito de paseo entre a estatua de Breogán, a do Ara Solis, a Rosa dos Ventos e o propio faro.
Durante o paseo, as alumnas e alumnos da especialidade de monitor sociocultural han interpretar a historia mesma de Galiza e da Coruña, a lenda do rei celta Breogán, a do altar do Sol e máis o mito de Hércules.
A improvisada “compañía” teatral vai percorrer os arredores da torre co seu espectáculo durante todo o mes de xullo.
Nesta iniciativa participan diferentes organismos, entre os que se atopan o Concello d'A Coruña, a Xunta de Galiza e a Unión Europea.