Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo denuncias dunha organización

Un grupo de madeireiros peruanos asasinou varios indíxenas illados

Segundo a CIPIACI, os crimes estanse cometendo con "total impunidade" para poder cortar as árbores que se atopan nos asentamentos do pobo Murunahua.

Redacción - 11:05 12/07/2008
Un membro da tribo dos Murunahua, xa contactado

Un membro da tribo dos Murunahua, xa contactado

Segundo a organización CIPIACI (comité internacional que traballa pola protección dos pobos indíxenas en illamento voluntario), varios madeireiros peruanos invadiron unha reserva destinada aos indíxenas illados (os aínda non contactados) da tribo dos Murunahua, construíndo unha rede de camiños ilegais para chegar ás árbores coas que comercian.

Nesta acción, os madeireiros "cometeron graves violacións contra os dereitos humanos da poboación indíxena en illamento, como persecucións, asasinatos, queima de vivendas... crimes que se comenten con "total impunidade", denuncia a CIPIACI.

Nun seu comunicado, a organización tamén di que os madeireiros están forzando ás poboacións illadas a procurar refuxio, atravesando o límite fronteirizo con Brasil, abandonando os seus asentamentos tradicionais.

O goberno sabe o que acontece
Segundo a CIPIACI, o goberno peruano ten coñecemento do que acontece na terra dos indíxenas, mais segundo a organización, xa lles teñen sinalado, a través dos voceiros gobernamentais, a "suposta paz e tranquilidade" da rexión, que "de ningunha maneira se corresponde coa realidade", salientan.

A organización Survival tamén está traballando con CIPIACI para que o goberno peruano actúe na zona, retirando os madeireiros e dotando as poboacións indíxenas dunha protección eficaz, tamén no terreo legal.

As tribos illadas, como as dos Murunahua, son moi vulnerábeis ao contacto exterior. De feito, foron contactados por primeira vez en 1996, e despois disto, máis da metade dos membros do grupo faleceu, Na actualidade pénsase que sobreviven 600 membros da tribo, e son, segundo Survival, "os cidadáns máis vulnerábeis do Perú". "Na actualidade as súas reservas non valen sequera o papel no que están escritas. Se o Goberno non retira aos madeireiros e impide a outras persoas a entrada, os indíxenas non contactados teñen moitas posibilidades de desaparecer".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: