A Xunta promete incluír a península no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
De escándalo por corrupción urbanística a parque natural. En Monteferro non hai gris. Se onte falabamos de especulación inmobiliaria con queima de coches, ameazas e mesmo malleiras aos concelleiros, hoxe a península máis famosa de Nigrán é noticia porque a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel promete integrala no Parque Nacional das Illas Atlánticas, xunto coas Cíes, as Ons, Sálvora e Cortegada. Xosé Benito Reza, director xeral de Conservación da Natureza, -dependente da consellaría de Pachi Vázquez- prometeu conservar esta zona de alto interese natural e outorgarlle a catalogación de paisaxe protexida.
Fagamos memoria
Reinaba en Nigrán o popular Alfredo Rodríguez cun goberno en coalición co PINN (Partido Independentes de Nigrán). O concello, a deputación de Pontevedra (PP) e máis a Comisión de Montes, viron a súa “cidade de vacacións” na península de Monteferro, o derradeiro bosque onda o mar, e decidiron comezar polo principio: recalificacións, talas, estradas, aparcadoiros, farois... Comezaba un proxecto de urbanización silenciado e a presión medraba sobre os que pedían explicacións. O anterior rexedor de Nigrán, o socialista Manuel Rial, recibe cartas ameazantes; Xesús Castro, ao ex responsabel da Comunidade de Montes danlle unha malleira brutal e ao primeiro tenente de alcalde, Antonio Fernández, estóupalle o buzón da casa. En novembro de 2005 arde o coche de David Giráldez, concelleiro do BNG.
Pendurado no ar, o proxecto de xestión urbanística de Nigrán presentado polo goberno, que inclúe unha rotonda descomunal, viais de 10 metros de ancho con dous carrís para cada sentido, iluminación e traída de augas. En resumo: autopista, auga, luz e aparcadoiros para chegar ao monte (a península é unha zona forestal despoboada). O 12 de xaneiro de 2006 nace a Plataforma Salvemos Monteferro nunha reunión dun grupo de persoas sensibilizadas co problema, particulares e membros de distintas asociacións de Vigo e Val Miñor. Pasado medio ano, e logo de amplas mobilizacións, presentaron no Concello 9.575 firmas contra o proxecto do vial e as talas, máis un estudo para buscar alternativas de futuro a Monteferro.
A finais de 2006 o proxecto urbanístico, xa visíbelmente modificado, viviu un intento de reactivación respondido de novo pola Plataforma. A comezos de 2007 o proxecto se retira definitivamente e a deputación de Pontevedra decide rachar o convenio co Concello de Nigrán. En 2007, e á vista das repercusións mediáticas do asunto, o alcalde decide non presentarse á reelección e os partidos na oposición -BNG e PSOE- inclúen no seu programa político de cara as municipais a promesa de protexer a península. Nas eleccións de maio os socialistas acadan dous escanos máis que o PP e conforman goberno co BNG.
Hoxe pesa sobre o ex alcalde e cinco membros da antiga corporación municipal unha denuncia penal da fiscalía do TSX de Galicia por un suposto tráfico de influencias, posto que posíbelmente os terreos recalificados foran previamente mercados por persoas próximas ao entorno da corporación municipal.
A boa nova
E agora parece non só que non haberá urbanización feroz da última zona que quedaba sen urbanizar da ría de Vigo, senón que podería quedar definitivamente protexida ao entrar a formar parte do eixo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das illas atlánticas, como parecen prometer as consellerías de Medio Ambiente e de Ordenación do Territorio da Xunta. Monteferro, as illas Estela e a Costa da Vela poderían incorporarse a un parque nacional de ser certas estas declaracións de intención.
Xosé Reigosa fala en nome da plataforma Salvemos Monteferro, onde reciben a nova con suspicacias e prefiren non crelo aínda de todo, posto que a iniciativa ten “pintas de promesa electoralista”. As mobilizacións e a participación cidadá foron quen de tirar abaixo un proxecto urbanístico esaxerado pero, segundo Reigosa, neste asunto interveñen moitas forzas e sectores, como a Comisión de Montes, do PP, que segundo Xosé Reigosa, “están encantados de que non haxa monte, canto mellor un bar, un hotel...”
“As decisións seguen en mans do goberno, e sempre quedan cousas que non hai xeito de cambiar”. Non teñen fe cega pero aínda así, recoñecen que están contentos posto que a regulación da zona de Monteferro por fin se fai de forma pública e non como un plan xeral segredo como acontecía antes. Agora un Consello Sectorial elixido por unanimidade se encargará da definición e concreción da sostibilidade da zona protexida.