Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Óscar Pereiro, gañador do Tour 2006

"Non estou de acordo con que nos colexios sexa obrigatorio o uso do galego"

Xunto con outra figuras públicas do noso país, acaba de asinar o 'Manifiesto por la Lengua Común', que impulsa o xornal 'El Mundo' en defensa do castelán. O de Mos explica para Vieiros os seus motivos.

F.A. - 17:00 02/07/2008

Este martes facíase público un novo informe que alertaba da situación crítica pola que atravesa o galego e que, segundo as expectativas, vai camiño de empeorar aínda máis: Só o 35% dos mozos do noso país fala a lingua propia de Galiza, e na última década a cifra dos que empregan exclusivamente o castelán aumentou nun 10%.

Coincidindo coa presentación destes datos, o diario madrileño El Mundo informaba do apoio que está a recibir a campaña Manifiesto por la Lengua Común, en defensa do español, por parte de diversas figuras da cultura, da política, do deporte, ... a nivel estatal. Entre estas, salientaban os nomes de varios galegos e galegas: os deseñadores de moda Purificación García e Roberto Verino, a cantante Luz Casal, e o ciclista campión do Tour de Francia 2006, Óscar Pereiro.

Vieiros
: Cales son os motivos que o levan a asinar este manifesto?

Óscar Pereiro: O primeiro que teño que aclarar é que me sinto máis galego que calquera. O Estatuto de Autonomía de Galiza hai dúas linguas que son o galego e o castelán, e non quero que se perda ningunha das dúas. A galega porque é algo da nosa cultura que non podemos deixar escapar. Pero son das persoas que pensan que non se lle pode obrigar a ninguén a falar nin en castelán nin en galego; que cada quen fale o que queira. O Estatuto de Autonomía alí o di.

Mais vostede fala galego, non si?

Polo meu traballo, pola miña experiencia sei que o galego me vale até que saio da Gudiña. A partir de aí desenvólvome en castelán practicamente todo o día. Pero na casa dos meus pais fálase galego, coa miña avoa falo galego, eu falo galego. E non hai nin sequera un medio de comunicación que poida dicir que no momento en que se dirixiron a min en galego, eu contestase en castelán. Proba disto é que no Tour de Francia, con 50 mil medios, cando había dous galegos eu contestase en galego e despois fixese outra vez en castelán a conferencia de prensa para o resto.

Logo, cal é o problema?

Eu non estou en contra de nada. Simplemente son das persoas que creo que non se lle pode impoñer a ninguén que fale galego ou que fale castelán. Volvo repetir, no Estatuto de Autonomía da nosa autonomía pon que as dúas linguas son oficiais e que cada un escolla o que queira.

No entanto, hai quen afirma que o manifesto que vostede acaba de asinar ten un cariz partidista. Non cre que é unha polémica importada dende Madrid, que na nosa terra non se dá?

Eu síntome orgulloso de ser galego e de ir polo mundo enteiro levando a bandeira de Galiza por todo o alto. O que non me parece tampouco normal é que algúns que falaron comigo castelán toda a súa vida, de repente dun día para outro che falen en galego e que estean en contra do castelán. Creo que todo isto é máis un tema político ca outra cousa e non me quero meter en historias máis profundas. Simplemente falo da lingua, e o único que digo é que ninguén me vai obrigar a falar galego ou castelán.

Como galego supoño que lle preocuparán os estudos que reflicten a decadencia da nosa lingua, sobre todo entre os máis novos?

Eu estou a prol de gardar a nosa lingua e conservala, pero o mesmo ca o castelán. Que todos teñamos o máximo de cultura posíbel e que cantas máis linguas se saiban, mellor. Vou tratar que o meu fillo saiba galego, castelán, inglés e francés, porque cantas máis linguas saibas, máis cultura vas ter o día de mañá.

Entón o fomento do galego entre as crianzas, na escola, parécelle ben, non si?

Polo ben do meu fillo, vou ser o primeiro que lle vou exixir que saiba galego porque é a nosa cultura, porque é unha lingua que entre todos temos que conservar. Pero tampouco estou de acordo con que nos colexios sexa obrigatoria a lingua galega. Penso que como pouco tiña que ser o 50% cada unha, porque moitos dos nosos rapaces van ir traballar o día de mañá a empresas multinacionais fóra de Galiza, e non van saber nin falar o castelán. Iso é ao que me refiro.

Nunha situación de desigualdade como a actual, onde hai unha lingua -o galego- en clara desvantaxe fronte á outra -o castelán-, non considera que debería haber políticas de discriminación positiva para que o idioma propio do país non esmoreza e acabe por desaparecer?

Eu creo que a lingua galega non se está perdendo; todo o contrario. Miro que cada día hai máis xente que fala galego. Pero por iso un non ten que cualificar ou descualificar a ninguén porque fale castelán, ou por falar galego. Hoxe en día parece que o que fala galego se sinte máis galego ca o que fala castelán, e iso -pódocho asegurar- é todo o contrario. Eu pódome sentir igual de galego, presumir de ser galego, falando castelán como fago habitualmente que doutra maneira.


1,88/5 (78 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: