Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cooperación Transfronteiriza

Galiza-Norte de Portugal, realidade tamén xurídica a partir de setembro

Converterase na primeira eurorrexión que se constitúe na Península Ibérica e a terceira, en toda Europa.

Redacción - 11:45 02/07/2008

Hai séculos que é unha realidade social. En 1991, coa creación da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, deuse un primeiro paso en transformala tamén en oficial. Porén, aínda que durante case dúas décadas serviu para elaborar iniciativas comúns, o organismo actualmente vixente non conta con entidade xurídica.

Ha ser a partir do vindeiro mes de setembro que a eurorrexión avance un chanzo máis nunha converxencia histórica. O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, e mais o responsábel da Comisión para o Desenvolvemento do Norte de Portugal, Carlos Lage, mantiveron unha xuntanza este martes, logo da cal se anunciou a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT).

Unha vez que o pleno da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal o aprobe despois do verán, o novo entea converterase no primeiro deste tipo que se crea na Península Ibérica e o terceiro, a nivel europeo xunto coas agrupacións Francia-Bélxica e Hungría-Eslovaquia.

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza, Touriño salientou que a constitución da AECT representa "un paso moi importante" na relación entre Galiza e o Norte de Portugal, porque lle outorga unha entidade xurídica propia e permitirá "o nacemento dunha cooperación de segunda xeración", tal e como tamén destacou Lage.

Captación e xestión de fondos comunitarios

Un dos seus principais obxectivos é mellorar os instrumentos para a captación de fondos, tanto públicos (comunitarios) como privados, co fin de financiar proxectos e servizos de interese común. Conta cun orzamento de 97 millóns de euros para perto de 130 proxectos, entre os que Touriño destacou polo seu "carácter estruturante" aqueles relacionados co dominio do mar.

A sede da agrupación estará de xeito permanente en Vigo, por se tratar dunha cidade que fica "no corazón" da eurorrexión. Touriño agradeceu este feito, namentres que Carlos Lage explicou que sería "desagradábel" discutir por este tema. A sede terá un presuposto inicial de 200 mil euros, repartido en partes iguais polos dous membro dunha e outra beira do Miño.


4,76/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: