Moitos cidadáns tibetanos foron 'convidados' a ficar nas súas casas, mentres que no Nepal sucedéronse as manifestacións contra a China.
Tres meses despois das protestas anti-chinesas en Lhasa, o facho olímpico percorreu este sábado un treito de nove quilómetros entre Norbulingka, o palacio de verán do Dalai Lama até o Palacio de Potala, a sede do goberno do Lama. Os xornalistas extranxeiros que seguen o percorrido do facho olímpico comprobaron como moitos cidadáns de Lhasa foron conminados a permanecer nos seus fogares durante o paso da comitiva oficial, para prevenir protestas contra o goberno de Beixín.
Ademais, o o responsábel local do goberno chinés aproveitou o evento para realizar un duro discurso político dirixido contra o Dalai Lama, no exilio.
500 detidos no Nepal
Ao mesmo tempo, no Nepal producíanse manifestacións fronte á embaixada chinesa, unhas protestas nas que foron detidas ao redor de 500 exiliados tibetanos. Os antidisturbios cargaron contra a marcha pacífica e foron collendo a centos de manifestantes, introducidos en camións que os trasladaron a centros de detencións.Os tibetanos, maioritariamente mulleres e monxes, levaban bandeiras do seu país e berraban "China mentireira, fóra do Tibet" e "Queremos un Tibet ceibe".