A campaña promovida, entre outros, por Microsoft e Política Lingüística, rematou coa entrega de premios.
A campaña 'Faille un clic ao galego' acadou máis de 13.000 descargas das interfaces de Microsoft Windows e Office na nosa lingua, 11.000 delas durante o tempo en que estivo activa. A iniciativa partiu da multinacional estadounidense e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación para a Sociedade do Coñecemento e INEO, co apoio de Dell, Inves e HP.
Esas tres últimas marcas achegaron os premios, computadores de última xeración, ademais de paquetes completos do sistema operativo Windows Vista, aos agraciados, Rubén Vilar, Óscar Fernández, Xulio Lema, Xulio Ares, Xesús Pérez e Fátima Solloso, por teren fomentado o maior número de descargas.
No acto de entrega, que se desenvolveu este martes en Compostela, participaron a secretaria xeral, Marisol López, e mais representantes de Investrónica, Dell, INEO e Microsoft. López deulles os parabéns aos premiados e ás entidades colaboradoras e asegurou que as novas tecnoloxías "son unha locomotora para a lingua", así que animou as empresas do sector TIC a incorporaren o galego aos seus produtos.