Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'O Xardín das Pedras Flotantes'

Lourenzo González, Premio Xerais de Novela 2008

Marilar Aleixandre e Mar Guerra recibiron o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o XXIII Premio Merlín de Literatura Infantil.

Redacción - 20:20 07/06/2008
Os tres premiados

Os tres premiados

A Editorial Xerais entregou este sábado o Premio Xerais de Novela de 2008, o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o XXIII Premio Merlín de Literatura Infantil, que nesta ocasión recaeron nos escritores Manuel Lourenzo González, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, respectivamente.

Manuel Lourenzo González resultou gañador do Premio Xerais de Novela 2008, dotado con 25 mil euros, pola súa obra O Xardín das Pedras Flotantes, considerada polo xurado como "un relato de amor insólito, extraordinario e pasional" e presentado baixo o lema Flor da Xunqueira e o seudónimo Manalva. Nesta categoría resultaron finalistas as obras cos lemas As sereas de Tubinga, e Memoria de sal.

Premios de literatura infantil e xuvenil

O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con dez mil euros foi nesta ocasión para a escritora Marilar Aleixandre polo seu libro A cabeza de Medusa, presentado baixo o lema Eu son ti que trata a problemática de dous novos estudantes. O premio foi concedido por unanimidade á novela de Aleixandre, que tiña como competidoras as obras O derradeiro inverno e Tusitala.

Por último, a xornalista e escritora Mar Guerra resultou vencedora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, dotado con dez mil euros, coa obra Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema ... Cómpre botar unhas palabriñas máxicas e considerada polo xurado un "thriller psicolóxico". O libro competiu nesta categoría coas obras Indanonseiben (teatro), Paspallasazul e XX27/ni-0.

O fallo deuse a coñecer nun acto literario-musical que tivo lugar na Illa de San Simón, en Redondela, ante os máis de 300 asistentes á gala, entre os que estaban o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán.


4,08/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: