Este sábado a revista Novas da Galiza organiza palestras, concertos e outras actividades nos centros sociais da capital galega.
Capa do Novas da Galiza de xuño
Baixo o lema "Compromiso coa independencia" o mensual soberanista galego, Novas da Galiza organiza unha festa este sábado en Compostela.
O programa abrirase ás 17:30 horas no CS Casa Encantada, cunha mesa redonda sobre xornalismo de investigación na que participan Carlos Barros, director do Novas da Galiza; Gustavo Luca, ex redactor de A Nosa Terra; a xornalista Rebeca Quintáns; e Iván García Riobó, ex redactor de Kalegorria e membro do consello de redacción do Novas da Galiza.
Ás 19:00 horas comezará unha palestra sobre xornalismo nacionalista na Galiza de onte e de hoxe, na que han participar Antón Santos, historiador; e Marcos Pérez, ex director de GZ Nación e xornalista de Vieiros.
A seguir, xa no CS O Pichel, comezará a festa, presentada polas xornalistas Xiana Arias e Begonha Caamanho. Haberá sesión de contacontos (con Nilson Leite e Carlos Quiroga), unha intervención de Luís G. Blasco 'Foz' e a lectura de varios textos sobre a comunicación, que han realizar, entre outra xente, o xornalista e poeta Daniel Salgado e o sindicalista Xan Carlos Ansia. Despois farase unha poxa con fotografías de Sole Rei e Natália Gonçalves Devesa, presentada por Os da Ría. A música poñerana Ugia Pedreira, Leo i Arremecághona, Tino Baz e Os da Ría. A entrada solidaria custa 4 euros.