O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, admite a "perda de dinamismo" do escenario económico do país, pero asegura que o Goberno reaccionou a tempo.
O responsábel do departamento económico do Goberno realizou este luns unha avaliación positiva do último estudo sobre crecemento económico do Instituto Galego de Estatística, e cualificou de "suave" o descenso no ritmo de crecemento da economía do país. Fernández Antonio salientou que o crecemento dun 3,2% aínda sendo seis décimas menor ao do trimestre anterior, mantense por riba da media estatal e europea. "Galiza segue converxendo", subliñou, referíndose aos diferenciais respectivos de cinco e oito décimas sobre o crecemento da economía no Estado e na UE.
O conselleiro tamén escolleu destacar o incremento da produtividade, unha mellora de 1,3 puntos, e mais a creación de 21 mil postos de traballo segundo o balance interanual. Nese contexto, Xosé Ramón Fernández Antonio, avaliou que a perda de dinamismo da economía en Galiza ten que ver en gran medida "co axuste do sector da construción residencial tras unha década de gran crecemento".