Duascentas persoas participarán neste encontro internacional, que terá lugar do 15 ao 18 de xuño, organizado polo CCG.
O Mov-s defínese como un espazo para o intercambio internacional da danza e as artes do movemento. O Centro Coreográfico Galego (CCG) colabora co Mercat de les Flors de Barcelona na organización do evento, que nesta ocasión terá como temática central as condicións para a creación coreográfica. Será na Illa de San Simón (ademais doutros espazos distribuídos pola cidade de Pontevedra) entre os días 15 e 18 de xuño e xa hai duascentas persoas inscritas.
Haberá dúas mesas de de debate e seis grupos de traballo, presentaranse proxectos, testemuños de artistas e exhibiranse 12 propostas creativas. A través deste encontro, para o que se conta con relatores chegados de diferentes países (Bélxica, Brasil, España, Francia, Irlanda, Portugal e Suecia), búscase identificar as condicións óptimas para que o proceso de creación se inicie con garantías de calidade e innovación.
O apartado de exhibición abrirase o domingo 15 no Teatro Principal de Pontevedra con Cascuda de Diego Anido. O luns 16, no mesmo espazo, Pisando Ovos representará 30.000 ás 20.30, mentres que ás dez da noite, no Pazo da Cultura, o CCG presentará o seu Kiosko das Almas Perdidas. Tamén haberá representacións na capela e nos exteriores da Illa de San Simón, un total de doce espectáculos adaptados a estes espazos. Destacan as propostas de Mercé de Rande ou Iván Marcos.