Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Buscando o consenso

Quintana volverá propoñer un Estatuto de Nación á volta dos comicios de 2009

O vicepresidente da Xunta pronunciou unha conferencia en Madrid esta cuarta feira á que asistiron numerosos empresarios e políticos.

Redacción - 17:15 21/05/2008
Quintana, esta cuarta feira en Madrid

Quintana, esta cuarta feira en Madrid

O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, adiantou esta cuarta feira en Madrid que tras as eleccións autonómicas de 2009 proporalles ás restantes forzas políticas a redacción e aprobación por consenso dun novo Estatuto para Galiza.

Quintana, que realizou estas declaracións no marco dunha conferencia organizada por Europa Press, falou dun "Estatuto Nacional que nos coloque ao mesmo nivel que as demais nacións do Estado, que amplíe e blinde o noso ámbito competencial e que nos permita autorresponsabilizarnos do noso futuro contribuíndo democraticamente á construción dun Estado plural".

Ademais, reiterou a súa proposta de diálogo co PSOE, e de colaboración e de cooperación institucional dos nacionalistas galegos para a busca de consensos beneficiosos para Galiza e para a gobernabilidade do Estado.

O vicepresidente indicou que o primeiro obxectivo da Xunta é seguir afondando no proceso de transferencias para ampliar as capacidades no actual autogoberno, dándolles pleno desenvolvemento ás competencias estabelecidas no Estatuto de Autonomía de 1981. "E neste punto ocupa un lugar preeminente o traspaso das competencias de Tráfico e Seguridade Viaria", dixo.

Quintana tamén fixo referencia á reforma do actual sistema de financiamento autonómico, asegurando que hai que facer un gran exercicio de autoconfianza nas potencialidades de Galiza e rachar, dunha vez por todas co mito de que é un país subsidiado. Os ingresos tributarios galegos son superiores á cantidade que o Estado devolve co actual sistema de financiamento, explicou.

Como terceiro alicerce, Quintana referiuse á necesidade de ampliar as capacidades de Galiza no ámbito enerxético, que malia a súa posición de produtora -é a primeira comunidade do Estado e a sexta potencia mundial eólica-, o aproveitamento dos recursos enerxéticos non redundou decisivamente en beneficio da sociedade galega nin na creación dun sector industrial forte e arraigado que contribuíra á dinamización económica.

Numerosos asistentes

Entre outros, á conferencia asistiron responsábeis de diferentes embaixadas en Madrid, como o de Suíza, Jean Filippe Tissieres; o de Venezuela, Alfredo Toro; ou o embaixador de Palestina, Musa Amer Odeh, así como tamén do mundo da cultura e da comunicación.

Da política: o fundador do PP, Manuel Fraga; o voceiro do PNV no Congreso, Josu Iñaki Erkoreka; o voceiro adxunto de CiU, Josep Sánchez Llibre; a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor; a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, ou o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.

Do sector empresarial: o presidente de ALSA, Jorge Cosmen; o presidente do Banco Etcheverría, Javier Etcheverría; o de Caixanova, Xullo Fernández Gayoso; de Engasa, Benito Fernández González; de Dragados Construcción, Marcelino Fernández Verdes; de Martinsa-Fadesa, Fernando Martín; de OHL, Juan Miguel Villar Mir; e de ACS, Florentino Pérez.


4,5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: