Anunciou que vai recorrer perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
A familia do cámara de televisión ferrolán José Couso, falecido na guerra de Iraq en 2003, vai recorrer perante o Tribunal Europeo de Estrasburgo, por considerar que o seu falecemento foi unha "violación dos dereitos humanos" e que a Fiscalía Xeral do Estado e a Audiencia Nacional estanse convertendo "en defensores sobrevindos de criminais de guerra".
Javier Couso, irmán do falecido, explicou en Ferrol en rolda de prensa que confía en que as novas probas periciais e testemuñas garantan o "procesamiento de tres criminais de guerra", como se referiu aos militares norteamericanos que presuntamente dirixiron os disparos dun carro de combate contra o Hotel Palestina de Bagdad no que se atopaba Couso, xunto con membros doutros medios de comunicación.
Javier Couso relatou hoxe a loita xudicial aberta para que se recoñeza a morte do seu irmán como un "crime de guerra" orquestrado por Estados Unidos, nunha acción conxunta de ataque a tres centros informativos en Iraq. "Hai indicios suficientes", subliñou, cos que se podería demostrar que "o país que abandera a liberdade de expresión acabou en dúas horas coa liberdade de información.
A familia de José Couso reiterou que o proceso continúa aberto, xa que o único real é que se revogaron as ordes de procesamiento e de procura e captura dos tres militares involucrados na acción cuns argumentos que Rafael Permuy, tío de Couso, cualificou de "nauseabundos". Por todo iso, a familia de Couso entende que a Xustiza española está menosprezando os indicios existentes por "motivos espurios, para parar toda iniciativa legal para esclarecer o que ocorreu aquela mañá".
Na casa consistorial de Ferrol, tanto Javier Couso como Rafael Permuy mostraron a súa gratitude ao Concello ferrolán pola iniciativa de nomear unha praza de Ferrol co nome de José Couso. "Sentímonos moi honrados e sei que José tamén o estaría", afirmou Javier Couso.